A cidade súmase á homenaxe ao dramaturgo Vidal Bolaño

Novo, Garrido, Cid e Fernández. (Foto: MARCOS ATRIO)
A 'Asociación proCentenario de Nós 2020' abandeira unha xornada cultural na cidade chea de actos que este venres homenaxearán a Roberto Vidal Bolaño no Día das Letras Galegas. Coa colaboración do Concello e a Deputación, o colectivo organizou 11 horas de teatro, música, literatura e gastronomía. Aínda que as actividades da mañá estaban previstas nos xardíns do Padre Feijóo, a chuvia obrigou á organización a trasladalas ó Liceo, escenario xeral das celebracións.
Entre a programación salienta unha conversa sobre o dramaturgo ás 19,30 horas á que está convidado quen queira participar, que precederá a unha cea 'por un teatro popular' ás 21,30 horas. A primeira hora, a Aula Universitaria de Teatro Cordelia interpretará textos de Vidal Bolaño e a Banda de Música, a Capela Madrigalista e o Coro da Universidade de Vigo terán actuacións destacadas.

Os actos foron presentados pola concelleira de Cultura, Ana Garrido; o asesor cultural da Deputación, e César Fernández, Uxío Novo e Xosé Manuel Cid, representantes da asociación proCentenario Nós. Este último aproveitou a súa intervención para animar á cidade para que a colaboración se 'estenda a todo o tecido cultural' e que 'cheguemos en forma ó 2020', ano para o que está proposta a capitalidade europea da cultura en Ourense.

Te puede interesar