Medio Rural asegura que impacta na paisaxe pero en ningún caso supón un perigo para a súa supervivencia

O clima e as parcelas privadas dificultan o control da praga de altica que ataca ao carballo

A altica é moi invasiva en zonas como Bentraces.
A praga da altica que desfolia unha parte dos carballos da provincia non representa, segundo a Consellería de Medio Rural, un perigo mortal para a especie. O clima e o feito de que moitas carballeiras son particulares, dificultan o control da praga.
A altica ataca de novo, e en gran medida en Ourense. Este insecto coleóptero que afecta a carballos e especies frondosas, acadou en 2008 e 2009 tal poboación que a súa propagación foi considerada unha praga dende o o Diario Oficial de Galicia (DOG). Os efectos da súa multiplicación, segundo José Luis Chan Rodríguez, subdirector de recursos forestais da Dirección Xeral de Montes, son perfectamente visibles. ‘Nese senso, é unha praga moi alarmante, pero vitalmente para o carballo supón só unha merma no seu crecemento, en ningún caso un perigo para a súa supervivencia. A altica non provoca mortaldades’, asegura.

A ofensiva do insecto concéntrase nas provincias de Lugo e Ourense, e dentro desta, nos concellos de Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Viga, Xinzo, Sarreaus, Trasmiras, A Merca e Barbadás. Este verán estase a recrudecer unha situación que se disparou en 2008, cando no mes de maio o DOG declarou oficialmente a praga para preservar o interese xeral e poder realizar tratamentos de control incluso nas carballeiras de propiedade privada.

Tratamento en primavera


‘Estes anos, polas condicións climatolóxicas, viuse favorecido o seu ciclo biolóxico, e incrementouse a concentración de poboación’, sinala o José Luis Chan. ‘Dende a administración, a praga tratouse xa na primavera, a base de produtos químicos. A fumigación foi selectiva para non afectar a outros insectos’, advirte. Os tratamentos buscan ‘controlar a expansión, non propiciar o exterminio’. O obxectivo pasa por levar a poboación a ‘ratios aceptables’ coa fin de que no momento que se produza unha situación climatolóxica adversa para a altica, é dicir, humidade e clima suave, os seus parasitos reduzan a poboación.

O combate contra a praga presenta como dificultade o escenario no que se dirime: as propiedades privadas. ‘Se foran masas frondosas mancomunadas poderiámolas tratar de afeito, pero o certo é que hai casas, ríos, instalacións apícolas, e debemos manexar a fumigación con certo criterio’, sinala o subdirector de recursos forestais. A climatoloxía é outro obstáculo. Todo clima extremo favorece as poboacións incontroladas. ‘A altica é moi sensible ao ataque do fungo da boberia, e se na antesala da primavera e no outono coinciden períodos con moita humidade, e unha temperatura suave, que é o caldo de cultivo propicio para os fungos, a altica vese afectada. Estamos confiando niso. É o que sempre controlou as pragas dun modo natural, sen intervención humana’.

Fumigacións sempre en moi baixo volume


O tratamento con produtos químicos aplícase con fumigacións. ‘En función da superficie pódese usar un sistema ou outro. Dende tratamentos case individuais de carballo a carballo, coas mochilas ás ombreiras, a canóns, medios aéreos, globos con pértiga, sempre traballando en moi baixo volume e apoiándonos nas infraestruturas, nas vías, nos límites das carballeiras, establecendo perímetros’, aclara José Luis Chan. O subdirector de recursos forestais de Medio Rural puntualiza que ‘en zonas secas como Ourense, onde incluso hai carballos con follas que xa se tornan marróns polo efecto das altas temperaturas, pode resultar máis alarmante a situación foliar do carballo, pero iso non pon en risco a vida da árbore’.

O insecto chegará ao Parlamento de Galicia


Os grupos parlamentarios, no vindeiro execicio, que comezará en setembro, debaterá en comisión sobre a praga da altica, despois de que o grupo socialista presentara unha iniciativa parlamentaria para interrogar ao Goberno galego sobre as medidas que está a tomar, e se o vai a facer en coordinación cos concellos afectados, para deter o avance da praga na provincia.


Te puede interesar