O colexio Virxe do Camiño de Rubiá gaña o concurso de exposición das Letras

O colexio  Virxe  do  Camiño de Rubiá foi o gañador do concurso exposición Letras  Galegas 2022 na modalidade de ensino infantil e primario polo seu traballo “Florencio Delgado  Gurriarán, poeta  do agro”. Segundo trasladou a Consellería de Cultura, o traballo gañador na categoría de Infantil e Primaria destacou con “un harmonioso conxunto de carteis” dos que se distingue a súa “orixinalidade, a calidade estética e artística” e a “idoneidade das diversas técnicas e materiais usados na súa elaboración”. 

Así mesmo, sinalou que os carteis van acompañados dunha guía didáctica con interesantes tarefas de  gamificación e outras destinadas ao alumnado con necesidades específicas, así como “orixinais vídeos de animación” para tratar de difundir a vida e a obra do homenaxeado nas Letras  Galegas 2022,  Florencio Delgado  Gurriarán, entre o alumnado máis novo. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi o encargado de entregar o premio no propio centro e felicitou ao colexio polo seu “coidado traballo”, “unha obra colectiva que implicou tanto ao profesorado como ao alumnado do centro”.

Ademais, no acto fíxose entrega do cheque co premio ao coordinador do proxecto, Felipe Ulloa González, e do diploma acreditativo a Andrea Tato. Despois, o alumnado gañador recreou o poema “A  muiñada” da obra “Bebedeira”, de Delgado  Gurriarán.

Seguidamente, García desprazouse ao IES Cosme López da Rúa para presentar a exposición correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario.

Te puede interesar