Poíticos, estudantes e colectivos sociais únense en defensa das vítimas

O Concello pide inversións contra a violencia sexista

Mónica Vázquez, Roberto Castro, Marga Martín, Agustín Fernández e Ronsendo Fernández, na primeira fila. (Foto: MARCOS ATRIO)
A cidade das Burgas adiantouse onte á conmemoración do Día internacional contra a violencia de xénero, cuxa data oficial é mañá. O Concello de Ourense acolleu un acto institucional baixo o lema 'Todos somos ti', ó que asistiron representantes dos distintos grupos políticos, colectivos sociais como Marea Laranxa, e onde a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Marga Martín, leu un manifesto no nome da corporación municipal.
Martín destacou que este ano 'o noso berro debe ser maior porque a violencia de xénero está a caer no esquecemento', salientando que as mulleres 'temos cada día máis dificultades para ter un emprego digno, para a conciliación familiar e a laboral ou para exercer os nosos dereitos sexuais e reprodutivos'. Por iso, a concelleira de Igualdade esixiu 'máis orzamentos, recursos e servizos de atención á loita contra a violencia de xénero'.

Pola súa parte, o colectivo Marea Laranxa fixo un chamamento á 'responsabilidade dos políticos para que xuntos, e dunha vez por todas, demostren o seu compromiso coa violencia machista'.

No día de onte, tamén o BNG quixo aportar o seu grao de area contra o maltrato ás mulleres cunha concetración na porta do Bispado, un lugar elixido porque 'cremos que a Igrexa católica é un dos piares fundamentais que sustentan a violencia estrutural da sociedade e a alianza co patriarcado', explicou a militante e futura concelleira do BNG Ximena González.

Ademais, o grupo provincial do BNG criticou que na declaración conxunta contra a violencia de xénero dos socialistas e populares na Deputación 'limitáronse a facer un brinde ó sol esquecendo os problemas reais das mulleres'. Pola súa banda, os grupos do PP e do PSdeG na Deputación manifestaron a súa 'solidariedade con todas as vítimas e coas súas familias' e o seu compromiso de seguir traballando nas políticas de igualdade.

Tamén os alumnos do IES A Carballeira se uniron á loita contra a violencia de xénero coa presentación de catro curtas gravadas polos estudantes, nas que recordaron que, ademais da violencia física, as mulleres tamén sofren a violencia psicolóxica, económica e social. Ó acto sumouse a lectura dunha carta dirixida a un maltratador e coas palabras do antropólogo da Uned Mario Ortiz.

Por último, a Agrupación municipal socialista de Ourense organizou un acto de conmemoración, no que a secretaria da agrupación local, Carmen Dacosta, foi a encargada de ler o manifesto.

Te puede interesar