“En crise é cando saen as mellores ideas, aquelas que agudizan moito a creatividade'

Laura Quintas Lorenzo
A asociación Executivas de Galicia celebrará na xornada de mañá as eleccións para renovar a súa xunta directiva e fará entrega do I Premio a la Mejor Empresa para Liderar en Femenino. A socia do colectivo Laura Quintas preséntase como candidata para ocupar o posto de vogal pola provincia de Ourense. Executivas de Galicia pretende deste xeito achegarse á realidade de cada unha das provincias e manter un contacto máis directo mediante o nomeamento dunha representante en cada unha delas.
A súa experiencia en diferentes asociacións pode ser un punto a favor para saír elixida?
Eu penso que si. O movemento asociativo é no que me desenvolvo dende hai moitos anos, incluso diría que toda a miña vida. Pode ser un impulso importante posto que o feito de traballar con moitas outras entidades che permite abrir portas e crear uns vínculos esenciais para o desenrolo de novas actividades.

Faltan apoios para lanzar definitivamente á muller executiva?
Sen dúbida. Aínda que na sociedade cada vez hai máis mulleres que se incorporan a postos directivos de primeiro nivel, claro que faltan impulsos. Tamén en todo o relacionado coas mulleres con algunha discapacidade, unha realidade que tampouco se pode desatender. É no momento de posicionalas no que faltan axudas, sobre todo nestas épocas posto que hai que ter claro que se trata de sumar e non de restar apoios.

Está mermando a crise o lanzamento de novos proxectos?
Si que afecta á hora de sacar iniciativas adiante. Con todo, hai algo positivo de todo isto. En épocas como esta é cando saen as mellores ideas e as máis prácticas, posto que se agudiza moito a creatividade.

Que papel xogan as redes sociais en todo isto?
As páxinas webs están ben, pero as redes sociais son vitais para difundir as actividades das asociación e poder involucrar a toda a sociedade. Deste xeito, todos poden participar. A verdade é que hoxe son unha ferramenta imprescindible.

Segue preocupando o tema da conciliación?
É verdade que nas grandes cidades sempre é máis doado, pero cremos que hai que buscar complicidade con outros grupos e aúnar esforzos. A conciliación está máis preto do que estaba. No relativo á igualdade tamén seguimos avanzando.

A que outros temas lle prestan especial atención?
Outro tema no que nos esforzamos é no relacionado coa responsabilidade social. É algo fundamental para nós e no que hai que incidir. Hai que concienciar á sociedade de que as mulleres poden adquirir esa confianza para desenrolar proxectos de grande embergadura.

Te puede interesar