MÚSICA

Cristina Pato xirará en EEUU xunto a Lil Buck, un bailarín de Madonna

Ortigueira (julio 2010) Cristina Pato en concierto con Rosa cedrón Photo: kiko delgado,2010
photo_camera Cristina Pato nunha das edicións pasadas do festival de Ortigueira.

A banda da cantante ourensá estrea novo disco e recolle unha versión de "Cabaliño", canción galega gravada con membros do "Rústica"

A artista ourensá Cristina Pato está a protagonizar en abril unha xira por varios estados de Norteamérica xunto co aclamado bailarín Lil Buck, un artista de rúa que acadou notoriedade internacional ao ser gravado co móbil polo director de cine Spike Jonze durante unha actuación con Yo-Yo Ma. Aquel vídeo de 2011 acadou máis de 3 millóns de visitas en Youtube e hoxe é un artista recoñecido que ten bailado con Madonna na Superbowl, ou cos ballets New York City ou Baryshnikov.

No espectáculo con Cristina Pato, creado polo director e ex bailarín Damian Woetzel, ambos interpretan desde temas tradicionais galegos até clásicos no piano e arranxos doutros compositores. O contraste da música -galega ou clásica- interpretada a través dun baile urbano xurdido da sociedade afroamericana estadounidense é espectacular tanto desde o punto de vista musical como plástico. 

A xira estáos a levar durante este mes aos escenarios de Chapel Hill (North Carolina) os días 15 e 16 de abril (aquí unha crítica do espectáculo), a Washington DC 22 e 23 e a Worcester (Massachusets) os días 29 e 30. 

Lil Buck é un bailarín criado en Memphis (Tennessee) e establecido en Los Ángeles con quen Cristina Pato leva colaborando desde 2011. Buck practica un estilo de ‘street dance’ chamado ‘jookin’, tamén coñecido como ‘gansta walking’, que xurdiu en Memphis nos anos 90. 

Novo disco de Silk Road

Ademais desta xira, Yo-Yo Ma e o Silk Road Ensemble, a banda á que pertence Cristina Pato, estrea este venres 22 de abril o seu novo disco ‘Sing Me Home’, que inclúe unha nova versión de ‘Cabaliño’, esta canción tradicional galega que foi gravada xunto cos músicos galegos e membros do ‘Rústica’ (proxecto no que tamén participou Cristina Pato) Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña.

O novo arranxo de ‘Cabaliño’ foi realizado por Anxo Pintos e ten como solistas a Yo-Yo Ma, o iraní Kayhan Kalhor e Davide Salvado. 

O album explora a sempre cambiante idea de fogar a través de melodías folk tanto tradicionais como orixinais interpretadas polo Silk Road Ensemble, Yo-Yo Ma, e unha variedade de salientables artistas convidados, que ademais dos músicos galegos, inclúe outros artistas de renome como Gregory Porter, Bill Frisell, Sarah Jarosz, ou Abigail Washburn.

O album foi desenvolvido e gravado en paralelo a The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble, o documental do director gañador dun Oscar e un Emmy Morgan Neville que narra a historia do Silkroad, e que tivo recentemente a súa estrea europea na  Berlinale o pasado 19 de febreiro e que se estreará nas salas de cinema de todo o mundo en xuño. Logo poderase ver na canle HBO.

Outras actividades

Ademais o día 26 de abril Cristina participará, xunto con Yo-Yo Ma no Arts Summit do Kennedy Center de Washington, que reúne líderes do mundo das artes de todo o mundo. A temática deste ano xira en torno aos Artistas e a Cidadanía, e á idea de usar as artes para promover unha influencia positiva na vida das persoas. 

Te puede interesar