24- M/ OURENSE

CxG pide apoio para “dotar de sentidiño ao Concello”

photo_camera Bascuas, Pérez Bouza, Xosé Mosquera ou Xosé Luis Doval, aplaudindo tralo mitin no Principal.

Xoán Bascuas arropou ao cabeza de cartel, Xosé Mosquera, no mitin central da cidade

O secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, afirmou onte en Ourense que a súa formación debe estar na nova Corporación ourensá que saia do resultado electoral do vindeiro domingo, porque “é a garantía de que o sentidiño entre no Concello”. Díxoo no mitin central de CxG desenvolvido no Teatro Principal, onde a candidatura de Ourense, que encabeza Xosé Mosquera, pediu o voto para estar presente no concello a partires do 24-M.

Bascuas, que arropou a Mosquera, pediu un esforzo final aos militantes e simpatizantes de Compromiso “para facer chegar esta mensaxe á veciñanza indecisa, que está farta de corrupcións e mentiras”. O líder galeguista animou aos seus a “non ir sós a votar”, e levar consigo a parte desta grande cantidade de persoas que, segundo as enquisas, aínda non se senten convencidos por ningún partido.

Deben coñecer, insistiu, que “Compromiso é un partido con solvencia ideolóxica”, que nada ten que ver con movementos de última hora e, sobre todo, que comparece en solitario nestas eleccións en Ourense porque, por riba de todo, “non aceptamos que o fin xustifique calquera medio e menos aínda que a política poida facer estranos compañeiros de cama”.

Bascuas destacou ante militantes e simpatizantes que CxG ten un candidato dos mellores valorados “e unha proposta definida para Ourense e para Galicia, dous bens escasos nestas eleccións”. Por iso, dixo, “é preciso que esteamos no Concello e por iso temos que traballar duro nestes últimos días para conseguilo”.

Te puede interesar