viticultura

As denominacións de orixe vinícolas da provincia presentes en Fenavin co apoio de Medio Rural

170509_VazquezFENAVIN I_result

A conselleira Ángeles Vázquez desprazouse ata Cidade Real para asistir á inauguración desta feira nacional do viño e saudar ás máis de 60 bodegas galegas participantes

As cinco denominacións de orixe vinícolas galegas -Rías Baixas, Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra-, xunto coa de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, están presentes na Feira Nacional do Viño – Fenavin, que ten lugar estes días en Cidade Real e que contan co apoio da Consellería do Medio Rural para a promoción e difusión dos seus produtos.

A propia conselleira Ángeles Vázquez desprazouse esta mañá ata a cidade manchega para apoiar coa súa presenza aos consellos reguladores a ás bodegas participantes, que este ano superan as 60 entidades localizadas en dous stands contiguos. A titular de Medio Rural destacou que este tipo de certames son o instrumento perfecto para dar a coñecer a calidade dos viños galegos a nivel internacional, xa que Fenavin caracterízase por ser un certame especializado no negocio exterior con máis de 60 países participantes.

O peso deste certame está patentado, xa que só con oito edicións celebradas conseguiu converterse na feira monográfica do viño máis importante de España, sendo a única que ofrece unha capacidade de negocio contrastada. Nas últimas edicións participaron máis dun millar de bodegas procedentes de todo o territorio nacional, estando presentes todas as denominacións de orixe de España.

A titular de Medio Rural, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, subliñou que precisamente a produción comercializada no mercado exterior creceu de forma espectacular, cun incremento na última campaña 2015/2016 dun 69% respecto á de 2010/2011. Ángeles Vázquez agradeceu o traballo constante dos preto de 16.000 viticultores e 450 adegas que, xunto cos consellos reguladores, foron quen de abrir mercados e situar aos viños galegos entre os mellores do mundo.

O Goberno galego apoia aos consellos reguladores mediante o aluguer do chan do espazo, de 335 metros cadrados, e facilitaralle unha axuda do 70% sobre o custo da montaxe do stand, que corre a cargo das denominacións de orixe participantes. Neste senso, a Consellería do Medio Rural ten unha liña de axudas a estes entes para a internacionalización dos viños galegos, que nos últimos tres anos acadou a cifra de máis de 5 millóns de euros; e outra liña para a súa promoción en terceiros países (fóra da Unión Europea) que este ano conta cun orzamento de 3,6 millóns.

Presentación guía de viños

Aproveitando a súa presenza en Fenavin, a conselleira participou na presentación da Guía de vinos, destilados y bodegas de Galicia 2017, elaborada polo sumiller galego Luis Paadín. Esta guía acaba de ser recoñecida como un dos 10 mellores libros de viños de todo o mundo, a xuízo do xurado internacional dos Gourmand Book Awards. Trátase do único libro en español que este ano recibiu o galardón entre máis de 10.000 libros de 211 países.

Te puede interesar