A Deputación de Ourense activa o plan “Hai un Ourense para ti. Descúbreo”

Deputación de Ourense.
photo_camera Deputación de Ourense.

A iniciativa enmárcase no desenvolvemento do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España

A Xunta de Goberno provincial aprobou onte o expediente para contratar, por un importe máximo de 157.193,19 euros, a prestación do servizo consistente na provisión da infraestrutura tecnolóxica da iniciativa “Hai un Ourense para ti. Descúbreo”, no marco do convenio suscrito pola Deputación coa entidade pública empresarial Red.es para o desenvolvemento do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España. 

Outro dos asuntos aprobados foi a fixación dos prezos públicos pola prestación do servizo “Escolas de Verán DepOUrtivas”. A prestación deste programa de actividades deportivas, de lecer e de tempo libre a cargo do Servizo de Deportes da Deputación, xorde na necesidade de poñer a disposición das familias ourensás un espazo como o Pazo dos Deportes Paco Paz.

Conciliación

O principal obxectivo é contribuír á conciliación da vida laboral, familiar e persoal en períodos vacacionais, á vez que proporciona aos participantes unha contorna programada de aproveitamento do deporte e do tempo libre nun marco de convivencia óptimo e favorecedor das relacións sociais, promovendo a transmisión dos valores positivos do deporte. Así, procúrase un equilibrio nas esferas persoal, familiar e profesional. O custo máximo desta actividade é de 17.256 euros, e tendo en conta que o número máximo de participantes podería ser de 320 rapaces e rapazas, o prezo por participante para cubrir o custe real e efectivo do devandito programa debería ser de 53,93 euros.

En vista das razóns sociais e de interese público, a Xunta de Goberno aproba a bonificación con carácter xeral dos prezos públicos pola prestación deste servizo, nunha porcentaxe do 44,37%, quedando fixados en 30 euros por usuario e semana.

Por outra banda, para a cooperación activa cos concellos, destínanse 291.759,72 euros para diferentes actuacións entre sete municipios da provincia.

Te puede interesar