OURENSE

Detido pola subtracción dun teléfono móbil e unha tableta

Os feitos sucederon na mañá do pasado venres.

Os feitos sucederon sobre a 8,00 horas do pasado día 21 cando se recibiu unha chamada na cal unha persoa, empregada dunha cafetaría da rúa Ervedelo desta cidade, informa que fora vítima do furto.

Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Ourense detiveron un veciño da capital ourensana pola presunta subtracción dun teléfono móbil e unha tableta.

Efectivos da Brigada de Seguridade Cidadá da Comisaría Provincial de Ourense dirixíronse a ese establecemento co fin de solicitar mais información, tanto do autor do feitos como dos efectos subtraídos, establecendo a continuación o correspondente dispositivo de busca nas inmediacións do lugar.

Así, lograron localizar un individuo que coincidía coas descricións facilitadas pola vítima do feito. No cacheo de seguridade que se realiza detectouse un teléfono móbil que resultou ser o que a victima do feito denunciara como subtraído, podendo atopar a tableta nas inmediacións, dentro dunha bolsa e escondida entre unhas pedras.

Ante estes feitos procedeuse á detención desta persoa por un suposto delito de furto, tras o que foi trasladado á Comisaría Provincial de Ourense para continuar coas dilixencias oportunas.

OUTRA DENUNCIA

A Policía indicou que unha muller que se atopaba na sala de espera da Oficina de Denuncias e Atención ao Cidadán para poñer en coñecemento a subtracción de varios pares de zapatos dunha tenda da cidade na que traballa como encargada, recoñeceu "perfectamente" como autor do feito que ía denunciar a este individuo que nese momento pasaba por diante da devandita sala de espera para ser ingresado nos calabozos polo furto anterior.

O detido é un home de 46 anos de idade, veciño de Ourense e que conta con 42 arrestos anteriores. O individuo quedou en liberdade tras pasar a disposición xudicial.

Te puede interesar