Un pobo en vilo polo paradeiro da Virxe do Cristal, unha imaxe única

Como a don Adolfo lle gustaba dicir, "despois de varias análises cristalográficas, aínda hoxe non se coñece cómo puido ser feita naquela época"

Tódolos anos, o día 15 de setembro, a Vilanova dos Infantes "todo e bulla e algazara" -escribiu Curros- no seu coñecido poema "A Virxe do Cristal", que serviu para elevar a categoría literaria unha lenda que con diversas versións todo o mundo coñece nos arredores das Terras de Celanova e que el recolleu da tradición oral da súa nai Petra, natural, precisamente, de Vilanova dos Infantes.

E todo era "bulla e algazara" porque no ano 1630 unha pastorciña, coidando o gando nuns campos dos arrabaldos de Vilanova, logo dunha treboada, atopou un pequeno cristal compacto que lle chamou a atención porque no seu interior reproducía unha figura humana que ela pronto relacionou coa iconografía da virxe.

E tal foi así, que de contado levoullo ó párroco que daquela rexía os destinos de Vilanova, non tardando moito o bispado de Ourense, de mandar construír unha capela na que se puidese custodiar tan singular imaxe.

A Virxe do Cristal non se trata, pois, dunha talla de madeira, máis ou menos finamente elaborada por unhas mans artísticas, nin unha peza de cerámica excelentemente cocida, senón un "oviño" de vidro soplado cunha especie de fino celofán interior cuxas características dificilmente se podían construir a mediados do século XVII cando foi encontrada. Velaí onde radica o misterio da imaxe e o seu valor patrimonial como obxecto único, non tanto por ser probablemente a imaxe da virxe que recibe culto máis pequena que se coñece no mundo, canto por ser un obxecto único e dificilmente repetible incluso hoxe mesmo.

Como a don Adolfo lle gustaba dicir, "despois de varias análises cristalográficas, aínda hoxe non se coñece cómo puido ser feita naquela época". Por iso, ademais da perda persoal de don Adolfo, a incógnita sobre se a imaxe aparece ou non tamén mantén ó pobo de Vilanova en vilo.

Te puede interesar