Dez mil pinchos coroan en Barbadás á Cova do Savio e Wakanda

Entrega de premios do concurso gastronómico “Barbadás a Bocados” (Foto: Marcos Atrio).
photo_camera Entrega de premios do concurso gastronómico “Barbadás a Bocados” (Foto: Marcos Atrio).
Estes locais foron os gañadores do certame Barbadás a Bocados

Os mellores petiscos teñen premio en Barbadás. O concurso Barbadás a Bocados, que contou coa participación dunha vintena de establecementos hostaleiros, serviu 10.000 pinchos na terceira fin de semana de setembro, coroando á Cova do Savio e a Wakanda nas dúas modalidades que se celebraban.

Así, o primeiro premio do xurado popular foi para A Cova do Savio co pincho “Aine” e o segundo para Wakanda coa proposta “M’Baku”. Este último local tamén resultou gañador do primeiro galardón do xurado profesional, mentres que o segundo recaeu no Bar dos Patos co seu “Taco de orella”. Os premiados desfrutarán dunha fin de semana nun hotel da cadea OCA no Porto e os primeiros de cada categoría tamén recibiron un xamón de Coren. Ademais, entre todos os locais participantes repartíronse lotes do Consello Regulador da DO Ribeiro e da cervexa Esmorga. 

Os comensais do xurado popular que votaron para elixir os mellores petiscos do concello participaron nun sorteo que repartiu 6 cheques de 50 euros para mercar no comercio local e algúns deles xa recolleron o seu premio no acto desta mañá.

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, agradeceu a participación dos hostaleiros e dos comensais e asegurou que o concurso Barbadás a Bocados é unha gran aposta do Concello para dar a coñecer o sector: “Repartíronse pinchos e tamén ilusión, porque se recoñece o gran traballo dos nosos establecementos”. Na mesma liña, a concelleira de Comercio, Marga Pérez, asegurou que a  valoración desta edición de Barbadás a Bocados foi “moi positiva” e destacou a gran afluencia que se rexistrou nos establecementos hostaleiros participantes, tamén de veciños e  veciñas doutros concellos. 

Constantino Iglesias, hostaleiro que interveu en nome do xurado profesional, agradeceu ao Concello a organización deste evento “que recoñece o traballo dos hostaleiros” e asegurou que para elixir aos premiados valorouse a presentación, sabor, aroma, dificultade, materia prima e punto de cocción. Insistiu tamén en que “os profesionais debemos aproveitar estas oportunidades para dar a coñecer o noso negocio”.

Te puede interesar