O responsable de R recolleu en Celanova o galardón, que otorga a Fundación Curros Enríquez

Dopico reafírmase no galego ó recibir o 'Casa dos Poetas'

Arturo Dopico, á esquerda, observa a medalla de prata recibida de mans de Xosé Luis Ferro. (Foto: FOTOS: XESÚS FARIÑAS)
A empresa galega de telecomunicacións R forma parte dende onte da lista de galardonados co premio 'Celanova, Casa dos Poetas', un dos máis prestixiosos da cultura galega.
O Padroado da Fundación Curros Enríquez decidiu por unanimidade otorgarlle o galardón pola súa defensa do idioma e da cultura galegas. Esta é a primeira vez que a citada fundación concede o seu premio a un grupo empresarial. De feito, o alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, Xosé Luis Ferro, destacou esta cuestión durante a súa intervención onte, na entrega do galardón, lembrando que nunca unha empresa foi motivo das reflexións previas do xurado 'quizais porque durante demasiado tempo tendeuse a considerar a cultura como un compartimento unívoco da sociedade e non como un sector transversal que debe influir nos demais'. Así, a Fundación decidiu abrir novos recoñecementos noutros campos, como os das tecnoloxías, porque segundo dixo Ferro, a cultura galega 'é tamén coller un teléfono móvil na man e que na súa pantalla se lea o idioma galego ou nunha tenda nos atendan en galego'.

O galardón, unha medalla de prata cas letras 'C' -Celanova, Celso Emilio Ferreiro e Castor Elices-, obra do escultor Acisclo Manzano, e un diploma realizado polo pintor Baldo Ramos, foi recollido onte nun acto solemne polo conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, que destacou que o uso do galego 'só trae connotacións positivas para a empresa', agradecendo a distinción.


OS ACTOS

Os actos comenzaron ás once da mañán cunha ofrenda foral no monumento a Celso Emilio Ferreiro con motivo do seu 34 cabodano. Entre os asistentes, ademáis do galardoado e o rexedor celanovés, estaban a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e numerosos persoeiros da cultura galega.

Trala ofrenda floral, dous xóvenes celanoveses, Nacho Núñez y Xoán Manuel Villar, recitaron poemas de Curros Enríquez e Celso Emilio, namentras que a Banda de Gaitas do Concello interpretaba varias pezas.

Pasado o mediodía, a comitiva trasladouse ó Auditorio Municipal, onde se levou a cabo a entrega do premio. O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, lembrou os esforzos de R en favor da cultura e idioma galegos, iniciativa que non sería posible, segundo dixo, sen o apoio do propio Arturo Dopico.

Como acto final, os asistentes á entrega do premio trasladáronse á casa natal de Curros Enríquez, na que presenciaron unha exposición sobre o padre Silva e o Circo de los Muchachos.

Te puede interesar