Un empresario da madeira senta no banquiño por fraude

Javier Paz Carvajales é xulgado hoxe por un suposto fraude á facenda pública de 145.280 euros. O fiscal solicita para o acusado, responsable dunha empresa madeireira, unha pena de dous anos e seis meses de prisión por non ter declarado o IVE en vendas superiores a un millón de euros.
Hoxe, no Xulgado do Penal número 1 de Ourense, comeza o proceso contra Javier Paz Carvajales, propietario dunha empresa afincada no Carballiño e dedicada á fabricación, comer cialización, importación e exportación de madeiras. O Ministerio Fiscal atribúe ao procesado a autoría dun delito contra a facenda pública, por uns feitos ocorridos durante o ano 2000.

Daquela, Javier Paz Carvajales S.L. vendeu madeira a unha quincena de empresas por un importe total de 1.053.286 euros, pero deixando de declarar o correspondente IVE, segundo o fiscal. Iso causou, engade, un perxuizo á facenda pública de 145.280 euros.

O fiscal solicita para o acusado unha pena de dous anos e seis meses de prisión, máis unha multa de 145.280 euros, máis a perda do dereito a recibir axudas ou subvencións públicas, así como beneficios fiscais ou da Segruidade Social, durante catro anos. En concepto de responsabilidade civil, o ministerio público fixa unha indemnización á facenda pública equivalente á cantidade supostamente defraudada, é dicir, 145.280 euros.

No xuízo, que se desenvolverá ao longo desta mañá, están citados a declarar respresentantes das empresas que facturaron con Javier Paz Carvajales S.L.


Te puede interesar