O enlace da OU-540 coa A-52 en Barbadás estará rematado en novembro

Fotografía do estado actual da obra, coa glorieta provisional ata rematar a modificación do tramo.
photo_camera Fotografía do estado actual da obra, coa glorieta provisional ata rematar a modificación do tramo.
A Xunta adxudicou os traballos, que espera que arranquen a finais de xullo

A Xunta adxudicou onte, por un importe de 435.048 euros, a execución das obras da nova rotonda na intersección da estrada autonómica OU-540, no seu punto quilométrico 4,2 coa autovía A-52, no concello de Barbadás. Esta intervención de mellora da seguridade viaria, adxudicada á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A., conta cun prazo de execución de catro meses. A Xunta traballa coa previsión de iniciar a finais de xullo os traballos, polo que o traballo estaría rematado no mes de novembro deste ano. Deste xeito, porase fin a unha situación que se estendía dende hai xa meses.

Mediante este contrato actuarase na actual intersección en forma de “T” da vía -de titularidade autonómica- co ramal de acceso á autovía das Rías Baixas, que xa está funcionando de maneira provisional como glorieta, acadándose unha mellora importante na seguridade viaria nesta contorna.

As obras para consolidar e executar a nova glorieta consisten na transformación da actual intersección en forma de “T” situada no quilómetro 4,2 da OU-540, nunha glorieta, que se complementará coa renovación da capa de rodaxe e as marcas viarias entre os quilómetros 2,995 e o 4,750. Nas obras adxudicadas inclúese tamén a adecuación da sinalización horizontal e vertical á nova solución, e a transformación de varias gabias profundas en gabias de seguridade, para poder retirar os sistemas de contención existentes neses tramos. 

Te puede interesar