ENERXÍAS RENOVABLES

Os expertos propoñen casas de consumo enerxético cero

Técnicos e empresarios de cinco países debatiron en Expourense sobre enerxías renovables

Expourense acolleu onte a IX Xornada sobre enerxías renovables e eficiencia enerxética, onde o “autoconsumo enerxético” nos edificios marcou e centrou as ponencias, especialmente no ámbito da xeotermia. Expertos de cinco países (Alemaña, Holanda, Suecia, Suíza e España) presentaron ante máis de 150 profesionais as claves para construir edificios de consumo case cero (Nearly Zero Energy Buildings, NZEB). Trátase de construcións que son capaces de producir eles mesmos a enerxía que consomen (a través de paneis solares, xeotermia, etc.), o que trae consigo vantaxes non só ambientais senón tamén económicas e sociais. Estes son os edificios que cumprirán a normativa europea que determina que no ano 2020 deberán autoabastecerse enerxeticamente. Na actualidade, a construción deste tipo de edificios sostibles converteuse xa un símbolo de innovación e de responsabilidade social.

Organizada por Expourense coa asesoría da empresa Investigación geotérmica (Ingeop) esta xornada conta co patrocinio do Igape. Foi inaugurada esta mañá polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, quen destacou que “a eficiencia enerxética é unha redución do gasto constante no tempo que mellorará o noso posicionamento económico, a competitividade da nosa economía e o abaratamento dos custos de produción de todo aquilo que se faga na nosa comunidade, sen esquecer que tamén supón un aforro para o consumidor final”. A presenza no recinto feiral de investigadores pioneiros a nivel internacional no eido das renovables foi aproveitada polos asistentes para solventar dúbidas ou pedir consello.

A xeotermia foi a protagonista da sesión de mañá ponencia do Dr. José Acuña, Enxeñeiro Investigador do KTH Royal Institute of Technology of Sweden (Suecia) que presentou a evolución tecnolóxica da xeotermia no mercado sueco, país líder en Europa tanto no número de instalacións deste tipo (máis de medio millón de instalacións térmicas só en Estocolmo) como en potencia térmica e cantidade de enerxía entregada ó ano.

Na sesión de tarde, o experto técnico en instalacións do Departamento de formación internacional da empresa de Alemaña Stiebl Eltrom Gmbh & Co., Alexander Klein, presentou as novas tendencias en instalacións con enerxías renovables no marco dos edificios de consumo case cero e falou do emprego de depósitos intelixentes multienerxía con estratificación.

O investigador de Suíza, Carlos Álvarez, abordou o tema do aillamento nos edificios e da súa repercusión no consumo e na factura enerxética presentando os parámetros empregado no Standar Minergie Suizo, a certificación neste país para construír edificios sostibles e que é unha adaptación nacional do sistema alemán “Passive Hauss” baseado nas casas de madeira dos Alpes.

E o catedrático de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Vigo, Luis Ortiz, pechou esta xornada cunha conferencia sobre o Control de Calidade de biocombustibles sólidos na que presentou os resultados de dous proxectos europeos, Domoheat e Ashmelt, desenvolvidos polo seu grupo de investigación AF04, e falou sobre o seguemento e control de calidade de biocombustibles de orixe biomásico, como son as estelas, pellets e briquetas.

Te puede interesar