ENTREVISTA | SALUD

“A farmacia ten que ofrecer servizos e non só dispensar medicamentos"

02.10.16.CELANOCA.ENTREVISTA O FARMACEUTICO CARLOS PENIN.
photo_camera Óscar Penín Álvarez atiende a una persona en su farmacia.

Óscar Penín, xunto a Isabel Blanco e Benigna Villasuso, realizou un estudo na súa farmacia, coordinado cos médicos de primaria da súa zona que quedou entre os primeiros no 38ª Congreso da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria. 

A presenza dun profesional sanitario durante a medida da presión arterial pode ocasionar un aumento do estado de alerta do paciente. A utilización de aparatos automáticos co doente só nunha habitación tranquila reduce os erros da medición minimizando a ansiedade e disminuindo o “efecto bata branca”. Esta é unha das conclusións a que chegaron os farmacéuticos Óscar Penín Álvarez e Isabel Blanco González, de Celanova,  e Benigna Villasuso Cores, de Monfero (A Coruña), logo de realizar un estudo nas súas farmacias, coordinados cos médicos de primaria da súa zona. Este é un dos dous traballos cos que participaron na 38ª edición do Congreso da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen), celebrado recientemente en Santiago. Presentáronse 3.500 comunicacións e quedaron entre os dez primeiros.

Por que varían os valores da presión arterial?

Unha das razóns máis importantes e pola coñecida como “hipertensión de bata branca”, é dicir, cando calquera persoa está en presencia dun profesional sanitario para que este lle mida a presión arterial aparece unha reacción de alerta e os valores suben. Isto ocorre en tres de cada 10 pacientes que acoden a calquera consulta, sexa médica ou farmacéutica. Neste traballo o que fixemos foi comparar os valores da presión arterial obtidos cando a toma se fai nunha zona aislada da farmacia fronte á medida cun profesional diante. Segundo os nosos resultados, con case 300 pacientes avaliados, se a persona está soa, os parámetros acércanse máis á realidade e son máis baixos que cando está o farmacéutico presente. 

De que forma repercuten estes datos?

A información obtida é determinante á hora de tomar decisións sobre os tratamentos para a presión arterial. Coa medida tradicional, podemos estar poñendo a etiqueta de "hipertenso" a xente que pode non selo todavía. Facéndoo de esta maneira, diminuimos o efecto de bata branca, evitamos medicacións innecesarias e aseguramos un control e seguimento de calidade. Nós, na farmacia de Celanova e a nosa compañeira en Monfero, temos unha zona aislada pero nos centros de saúde é moi raro que exista un oco para tal fin. Esta é unha das nosas peticións: medidas de presión arterial homoxéneas e correctas tanto na farmacia como no centro de saúde.

Que abordan no outro estudo presentado ao congreso?

Tamén trata da presión arterial. O que fixemos foi empregar un holter de presión arterial, un aparello que lle colocamos ao paciente durante 24 horas para obter un cadro completo que nos permite coñecer os valores da súa presión arterial en diferentes situacións; por exemplo, cando están na casa ou no traballo. O informe derívase ao médico, que fai unha valoración e estima se instaura, aumenta o diminúe o tratamento do paciente. Os dous traballos foron coordinados cos médicos de Atención Primaria de Celanova, José Carlos Rojo, Regina Vidal, Benito Pascual, Roberto Pascua e Isabel Gil, e de Monfero, Elías González.

Cales son os beneficios que se desprenden destes traballos?

O paciente é a persona máis beneficiada pero o Sistema Galego de Saúde tamén, xa que ao telo controlado evítase que teña problemas graves (infartos, embolias, etc), con menos ingresos hospitalarios e visitas a urxencias derivadas dun mal control da hipertensión arterial. O que vimos a amosar é que facendo isto o paciente pode mellorar a súa saúde.

Que significa para vostede quedar de finalista no Semergen?

Facer todo isto a nivel de primaria non é nada fácil polo que para nós foi moi importante. Buscamos a farmacia asistencial, a que da servizos e non a que se adica únicamente a dispensar menciñas. Pensamos que a farmacia que ten sentido é a que aporta algo máis a prol da saúde dos pacientes. Por certo, foi un congreso de moita calidade. 

Participan noutros eventos?

Sí. Tódolos anos presentámonos no Congreso Nacional da Sociedade Española de Hipertensión. O ano pasado gañamos o primeiro premio nacional sobre un traballo de hipertensos anciáns e chegamos a conclusión de que necesitan máis controis. A medida que nos ímos facendo “maiores”, as nosas arterias fanse máis ríxidas polo que a nosa presión arterial aumenta. Ademáis son pacientes pluripatolóxicos polo que hai que facerlle controis máis exhaustivos e, en moitas ocasións, hai que recurrir á Monitorización Ambulatoria de Presión Arterial (MAPA). 

Por outro lado, como titular de farmacia en Celanova, nota que os pacientes deixaron de tomar certos medicamentos tras saír da financación pública??

A retirada da financiación de certos fármacos do Sistema Galego de Saúde fixo que algúns pacientes deixaran de tomar algunha desta medicación pero hai un problema grande que é o da adherencia terapéutica; é dicir, hai doentes que non toman os medicamentos, tanto os que xa non están financiados como os que sí. Isto é un problema real que ten a sociedade e precisamos atacarlle canto antes.

Neste sentido, cal é o papel dos profesionais sanitarios?

Médicos, farmacéuticos e enfermeiros temos que implicar aos pacientes, explicándolle a súa enfermidade, a importancia de tomar a sua medicación. Por poñer un exemplo, hai moitos doentes que despois de ter un infarto deixan de tomar ao ano o seu tratamento e isto supón un risco moi elevado e un gasto importante para a administración sanitaria.

Boa parte das boticas do rural atópanse nunha situación económica comprometida. Que acontece en Celanova?

As farmacias do rural vémonos afectadas por moitos factores. Un deles é a perda de poboación. A xente nova marcha para as grandes cidades e no rural cada vez queda menos xente. Celanova, ao igual que outras zonas, estase vendo castigada por esta situación. Na actualidade somos 5.500 habitantes e hai catro farmacias, polo que o ratio é de 1.375 cando o establecido é de 2.000 para que a farmacia teña certo recorrido e poida facer proxectos como o que presentamos. Os aparatos, cun elevado prezo, comprámolos nós e a formación costounos moito. 

Te puede interesar