Teatro

Fernando Dacosta: "Temos unha media de 150 persoas en cada espectáculo"

undefined
photo_camera JOSÉ PAZ

O director da Miteu, Fernando Dacosta, fai un balance “moi positivo” do que vai de mostra

A Miteu celebra hoxe o seu duodécimo día ininterrompido de programación e o seu director, Fernando Dacosta, fai un balance moi positivo do que vai de mostra, e espera que nestes derradeiros días o público siga acollendo igual de ben ao festival.

“Estamos moi contentos coas asistencias. Creo que tamén é porque continuamos co pulo que iniciamos o ano pasado ao sermos a primeira mostra de teatro que volveu trala pandemia, modificando as datas habituais da Miteu”, conta Dacosta, que ademais tamén resalta a renovación no tipo de espectáculos que a covid produciu na programación da 26ª edición da Miteu. “A modificación das datas e que o Auditorio estea pechado fixo que levaramos os espectáculos a lugares menos convencionais, adaptándonos a un teatro máis de rúa”, explica.

Sobre as ubicacións, o director da Miteu expón as dificultades para a organización de manter os aforos controlados: “Se os eventos se fixeran na praza de San Martiño, seguro que terían aínda máis xente, pero non é responsable pola nosa parte, non se poden facer eventos tan masivos nos que non se poderían garantir as medidas de seguridade; e así tamén pomos en valor outros lugares da cidade”.

Sobre as medias de asistencia, di estar “moi contento, porque non hai tanta xente como para que se descontrole, pero si hai máis de cen persoas en tódolos espectáculos. O peor día foi o que coincidiu coa semifinal de España, e, con todo, houbo unha asistencia importante. Estimo que haberá unha media de 150 persoas, e nalgúns espectáculos superamos as 200”.

Dacosta conta que os grupos participantes o que máis destacan son a “calidez do público e o trato acolledor”. Para os últimos días, Dacosta espera “manter as mesmas cotas de asistencia, porque son grupos moi bos e ademais está Maricastaña, que sempre ten moita xente”.

O festival acolle ao grupo de teatro universitario máis antigo de Europa

“Aúra-masda” é a peza teatral da Miteu de hoxe. Esta obra é unha “creación colectiva” dos integrantes da compañía que a expón: a Teuc, o Teatro dos Estudantes de Coímbra, o grupo de teatro universitario máis antigo de toda Europa.

Unha das integrantes da compañía, Verónica Chiriboga, conta que esta peza deseñouse para a mostra de teatro universitario de Coímbra, que este ano tiña como tema central a humanidade. “Estamos catro actores en escea, nun espectáculo moi intenso e físico que fala da propia humanidade, e na que os demais elementos como a música teñen unha importancia vital”, contaba. Precisamente, a música é un dos eixos principais desta peza, xa que se fai una composición en tempo real da música por parte de Francisco Correia.

Sobre a relevancia de mostras como a Miteu, explica que “son moi necesarias, sobre todo neste contexto pospandemia”. Relata que non é a primeira vez que asisten á mostra, pero que hai uns anos deixaron de facelo, e agora decidiron retomar a súa actividade fóra de Portugal. Sobre actuar no Principal, aínda que asegura que é a primeira vez que actúan todos xuntos nel, “a maioría xa o fixemos con anterioridade”.

A actuación terá lugar no Teatro Principal hoxe ás 21 horas, terá unha duración de 55 minutos e a entrada manterá o prezo habitual de todo o festival: tres euros. 

Te puede interesar