TRIBUNA

O fin non sempre xustifica os medios

"A reflexión que temos que facernos é:, vale calquera cousa para obter o que pretendo? Rotundamente NON"

O común dos mortais, eu entre  eles, pensamos que Maquiavelo é o autor da frase "o fin xustifica os medios". Sexa ou non, el non a cita textualmente no seu libro. Parece ser que houbo outras persoas que utilizaron expresións similares para suxerir que, se o individuo acada o seu obxectivo o que importa é o resultado. 

Din os estudosos da obra de Maquiavelo,  que cando escribiu "o Príncipe" sabía que o que estaba facendo non era so unha guía de como manter o poder, ao contrario, buscaba expor o exercicio real da política, que usualmente contradecía a idealización desta, e o alonxada que estaba da moral e da ética. Por conseguinte, non so fixo pública a práctica política de quenes teñen o poder senon exhibiu o dilema ético que permanentemente vivimos no noso camiño cara acadar as metas ou obxectivos que nos propomos.

A reflexión que temos que facernos é:, vale calquera cousa para obter o que pretendo? Rotundamente NON. O que fai nobre un fin é a natureza dos medios que utilizamos para chegar a el. O que nos separa de outros ao momento de acadar as nosas metas non é só o camiño que tomamos para chegar a elas, senón a nosa liberdade para decidir asumir con plena consciencia que o que fagamos pode ter consecuencias para terceiros.

Por iso, cando non se ten o máis mínimo sentido da ética, e poucos ou ningún escrúpulo, o resultado dos nosos actos acaba producindo dano a propios e achegados. Aínda que esta provincia é prolífica en mestres de tan "nobre" arte, hai algún, coma o actual alcalde de Ourense,  que son "authoritas" na materia. Co pretexto de seren os paladíns na loita contra a corrupción cabalgaron ao lombo da insidia e da difamación buscando o rédito político en instancias xudiciais, para evitar así quedar reflexado fronte ao espello da súa incapacidade política  Para esa viaxe so comprían dúas cousas: ánimo de facer dano para obter rédito político e colaborador necesario (tanta gloria leve como descanso deixa). E confluiron as dúas. 

Hai un poema anónimo que resulta claramente aleccionador, e que ten a ver con iso que os budistas chaman Karma: todas as cousas que saen de ti regresan a ti, así que non é necesario preocuparse polo que vas recibir, mellor preocúpate polo que vas dar. Pois iso, coidado co Karma.

Te puede interesar