ENTREVISTA

“Un 94% dos nosos alumnos sae con traballo, a demanda é altísima"

fran_result
photo_camera Fran Rodríguez, cun "main frame".

"Durante todo ano, imos facer unhas charlas nas que invitamos a antigos profesores e alumnos da nosa escola para que nos conten a súa experiencia de traballo", indicou o director da Escola Superior de Enxenería Informática, Fran Rodríguez. 

A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense cumpre os seus primeiros 25 anos neste curso académico 2016-2017 e para conmemorar as súas vodas de prata, organizaron o ciclo de conferencias "TalentoEsei". O ourensán Jorge Vázquez, fundador de Redegal, será o encargado de inaugurar as charlas o vindeiro 16 de decembro, ofrecendo un relatorio sobre a súa traxectoria profesional.

Como xurdíu a escola no Campus ourensán?

Hai 25 anos, Concello e Deputación estaban moi interesados en promover o campus. O primeiro director da escola, Manuel Pérez Cota, que xa era docente da Universidade de Vigo, ao enterarse da posibilidade da implantación dunha enxeñaría, non duvidou. El é de Avión e as súas ideas conectaron co apoio que había das institucións ourensás e así foi como se implantou a titulación, que nun primeiro momento chamábase Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión. 

Tivo boa aceptación entre o alumnado?

Sempre foi unha carreira puxante. De feito, naquela época xa se requerían profesionais. Por poñer un exemplo, o primeiro "main frame" -ordenador central- da Deputación é do 1987. Isto dá unha idea de que xa había grandes computadoras no entorno e non se contaba con expertos formados. O número de alumnos da primeira promoción foi de 100. A máis pequena foi no curso 2006-2007, con só 48 estudantes. 

A que se debeu ese descenso?

A xente escapaba das carreiras técnicas. De súpeto xerouse a idea de que era moi exixente e houbo un auxe das titulacións da rama sanitaria. Todo isto nun contexto de bonanza económica no que era difícil captar alumnado xa que dábase unha circunstancia na que se comparaba a unha persoa que saía cunha enxeñaría despois de cinco anos de formación cun albanel, que gañaba uns soldos tremendos. Boa parte dos rapaces preguntábanse para que estudar unha carreira se podían empezar a traballar de forma inmediata e ter o seu coche e piso. Foi un punto de inflexión. Despois veu a crise económica e empezamos en ascenso. 

En canto á segmentación por sexo, só un 10% do alumnado que se matriculou este ano son mulleres. Por que tan poucas rapazas estudan informática?

Este ano foi moi significativo. Normalmente estamos entre un 20 e un 30%. Fíxose un estereotipo de que era unha carreira de homes. Hai unha falla de vocacións neste ámbito e notamos como as rapazas oriéntanse máis por carreiras científicas como matemáticas, que non deixa de ser unha titulación difícil. Neste sentido, a nosa tarefa é fomentar a presenza das mulleres no ámbito das enxeñarías con campañas nos institutos. As empresas valoran moito o traballo das mulleres na informática. Venlle outras habilidades. É un problema que está ocorrendo en toda España.

Goza de boa saúde a escola na actualidade?

Este ano foi moi paradigmático. Chegamos a 133 alumnos matriculados no primeiro curso, dos que 111 son do grao en Enxeñaría Informática e o resto, 21, da simultaneidade de estudos de Administración e Dirección de Empresas e Enxeñaría Informática. No mestrado en Sistemas Software Intelixentes e Adaptables temos 27 alumnos, cando a nivel de España rondan os seis ou sete alumnos. Neste senso, estamos moi satisfeitos coa matrícula pero botamos en falla máis recursos. Vimos de varios anos de axustes nos que perdemos a todo o profesorado asociado; é dicir, docente cun contraro laboral no ámbito privado que viña dar unhas horas de clase. Por outro lado, tiñamos profesorado en formación e agora non saen prazas. Levamos catro anos sen poder crecer. O único que crece son as horas que temos que dar. Hai profesores con máis de 320 horas de docencia efectiva, cando fai anos o mesmo tipo de contrato recollía 180.

Neste sentido, que lle pediría aos gobernos autonómico e central?

Esperamos que aumenten os recursos. É a chamada que facemos. Temos que dar unha docencia de calidade. Pedimos que se poidan contratar mestres asociados e un plan de carreira para a xente de formación. O obxectivo é facer grupos reducidos, con 15 persoas como moito. Agora estamos en 30. A idea de Bolonia, que contemplaba prácticas diarias cun retorno do profesorado, non é posible. Buscamos cercanía co alumnado.

Cal é o índice de empregabilidade dos graduados?

Segundo o estudo feito polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, é do 94%; é dicir, estamos detectando xente en paro que en realidade está en transición entre traballos ou estudando para opositar. A demanda é altísima. Temos todos os días chamadas de empresas para capturar talento. Na actualidade, ocorre que moitas compañías están abrindo as súas oficinas en Ourense pola presenza da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Para nós é fundamental o contacto co mercado empresarial. De feito, temos grupos de investigación colaborando coas empresas de tal xeito que nos retroalimentamos entre o ámbito privado e o académico. 

Leva dende maio como director da ESEI, que balance fai deste medio ano no cargo?

Levaba xa 9 anos como subdirector pero a visión como director é moi distinta. Coñeces máis opinións da xente, que te transmiten as súas preocupacións froito destes anos de recortes e máis traballo. Sorprendeume a integración coa sociedade. A nivel de Ourense, o centro está moi ben considerado, tanto por parte das empresas como polas administracións. 

Cales son os retos aos que se enfronta para os vindeiros anos?

Poder contarlle máis á sociedade o que facemos. Xa temos un nome pero nunca é suficiente polo que é preciso difundir os traballos que realizamos nos laboratorios. Tamén seguimos traballando nunha liña de internacionalización para facer máis convenios con outras institucións. 

Te puede interesar