Francisco José Fernández Pérez: “A entidade de Berán xa non ten sentido'

Francisco José Fernández Pérez sente verdadeira paixón polos coches antigos (Foto: Marcos Atrio)
Francisco José Fernández Pérez é alcalde polo Partido Popular no Concello de Leiro dende fai 18 anos. O seu lema é o de manter os servizos e o mesmo tempo equilibrar o gasto cos ingresos. Como farmacéutico de profesión valora ter cuberto o saneamento e un abastecemento de agua controlada sanitariamente para todo o municipio.
Cómo ve a realidade económica do seu Concello? Ten moito paro?
Como calquera outro de España soportamos a crise, pero ó mellor non dunha maneira tan aguda porque Leiro depende fundamentalmente do sector primario, sobre todo do viño, polo que hai postos de traballo, pero tamén se padece a crise. Non manexo nestes intres os datos exactos, pero penso que o paro está por debaixo da media de Galicia.

E a xestión económica municipal?
Vai ben, pechamos o pasado ano con remanente positivo e este ano penso que tamén conseguiremos un equilibrio razoable entre gastos e ingresos, pecharemos en positivo porque soubemos aforrar.

O aforro pode implicar un recorte de servizos ós cidadáns, non é así?
Nós facemos máis con menos cartos, intentando axustar as contas e deixando o que consideramos que é prescindible. Por exemplo, o gasto enerxético do 2012 respecto ó ano anterior reducímolo en máis de 50.000 euros, cunha importante remodelación do sistema de alumeado e apagando farolas, tamén axustamos ó máximo os servizos na Mancomunidade de concellos do Ribeiro. Outros recortes, pois menos inversión na Festa da Vendima e descartamos a celebración do Entroido, unha das cousas que aquí non tiña apenas tradición.

Pero pese a todo, os recortes das administracións teñen que influir, non lle parece?
Vámolo soportando e, como xa dixen, espero rematar este ano con números positivos. Acabo de firmar o convenio para crear un centro de día e o Concello pagou con fondos propios o terreno, unha inversión de 70.000 euros, non temos ningún crédito pero tampouco nos metemos en obras que requieran despois un gran gasto de mantemento.

E de que prescinde?
Prestamos tódolos servizos sociais e básicos, incluso somos un dos poucos concellos da nosa categoría que contamos cunha biblioteca pública, pero, por exemplo non temos pabillón de deportes, temos unhas pistas que o seu mantemento supón uns 1.000 euros ó ano, se fose un pabillón sería moito máis. Tampouco temos piscinas, pero preocupámonos de ter un río limpo, que é máis atractivo.

Que opina sobre a falta dun contrato homologado para a uva no Ribeiro?
Ten que haber un acordo entre os viticultores e os adegueiros, non se lles pode obligar a firmar, non sei de quén é a culpa.
En qué medida a crise económica está afectando ó sector do viño?
Creo que está igual que noutras denominacións, aquí non temos o problema da compra de uva porque a maioría vende ás dúas cooperativas.

Cal é agora o seu proxecto máis importante?
Facer o centro de día e o Espazo dos Sentidos do Viño, ambos proxectos xa están aprobados pola Xunta de Galicia.

Leiro conta coa única Entidade Menor da provincia, qué opina de este organismo?
Supón duplicar as administracións e depende prácticamente en todo do Concello de Leiro, penso que nestes momentos non ten moito sentido de ser.

O SEU MAIOR LOGRO


Recuperar as ribeiras do río e o mosteiro
A conversión do Mosteiro de San Clodio nun hotel e a recuperación das ribeiras do Avia cun gran paseo fluvial foron dous logros importantes para o fomento do turismo. O alcalde tamén valora en gran medida a dotación de sistemas de saneamento e auga potable para todolos pobos do municipio.

A SÚA ASIGNATURA PENDIENTE


A apertura do balneario de Berán
Cando xa ten aprobados os proxectos do centro de día e Espazo dos Sentidos do Viño, queda pendente que se resolva o longo culebrón do balneario de Berán. O rexidor mostrouse optimista porque 'nos últimos meses contactaron cinco empresas interesadas na concesión da explotación'.

EN PRIVADO


'Gústanme os Beatles e son do Real Madrid'
Unha afición ou deporte?
Gústanme os coches antigos, pero é unha afición cara e só teño un 'escarabajo' e un 600, encantaríame un deses americanos dos anos 50. Tamén me gusta a fotografía, cando viaxo, que é outra das miñas aficións, sempre fago moitas fotos.

Cal é o seu plato favorito?
O bacalao é o que máis me gusta e tamén todo tipo de arroces, sobre todo con calamares.

E en música, que máis lle gusta?
Teño orella pero non teño oído, gústanme os Beatles e son do Real Madrid.

Lee moito, que tipo de literatura lle gusta?
Máis ca literatura, leo libros de química relacionados coa miña profesión de farmacéutico. Para min é unha pasión ler revistas especializadas e artigos. A química foi realmente a que me decidiu a decantarme por estudiar farmacia, o profesor Reinoso que tiven durante o Bacharalato foi o que despertou en min esa paixón pola química.

Te puede interesar