Empregados do cemiterio din que destrozos como o da última familia que alertou son habituais

Gamberros e botellón danan as tumbas de San Francisco

A cruz sobresaía do muro que pecha o cemiterio.
Detrás do cemiterio de San Francisco, pola zona do antigo cuartel, foi construído hai pouco tempo un parque infantil. Din os traballadores do camposanto que é frecuente que alí se celebren botellóns e a altura que separa o recinto do interior do cemiterio -que é un Ben de Interese Cultural- é facilmente superable.
Na parte máis accesible está situada a tumba da familia Pintos, que hai uns días alertaba desta situación. 'Sempre tivemos destrozos na sepultura da familia, porque está na zona do muro máis fácil de saltar'. O que realiza esta afirmación é Cástor Díaz, o bisneto da persoa que construíu a tumba, o reputado canteiro José Pintos. Cada vez que tiveron algún problema, foi de fácil solución para eles, porque os cascallos quedaban por alí. Desta volta, a situación foi máis grave. Non só lles faltou un anaco, senon que a cruz que estaba no alto desapareceu.

Dende a oficina de Cemiterios do Concello de Ourense sosteñen que 'ninguén entra polas noites', pero os que manteñen o recinto afirman que non é raro atopar vasos e botellas polas mañás, posto que o cemiterio carece de vixiancia nocturna. A policía ten orde de facer ronda pero, a non ser que haxa denuncia, os axentes non entran a nada 'e ata que nós chegamos pola mañá, non damos parte'. E todos no cemiterio sinalan que 'non é posible que esta cruz en concreto caera por causa do mal tempo'.

Para o Concello, o caso da familia Pintos é unha situación aillada. 'Como moito rexistramos unha ou dúas queixas ó ano' por estragos nas tumbas. Os vixiantes non din o mesmo. Cando unha persoa atopa na súa sepultura algo que non debería ser -que é ben frecuente-, o seu primeiro instinto é o de dirixirse ós traballadores do camposanto. Eles, que non teñen autoridade para rexistrar queixas, limítanse a remitir a esa persoa á oficina de cemiterios; pero ata aí van menos afectados porque os danos son menores que o deste caso ou trátanse de residuos de botellón.

A familia Pintos, mentres,quere agora reconstruír a cruz, pero o de San Francisco é un cemiterio protexido por lei e o papeleo é lento. Con todo, non vai quedar como José Pintos a fixera, porque a cabeza do Cristo, non aparece.

Te puede interesar