A pesar das dificultades, na cidade conviven artistas de diferentes estilos; dende a canteira rock dos Suaves ata o folk máis puro pasando polas máis dispares fusións musicais

A ilusión é o motor dos músicos en Ourense

De sempre, Ourense é unha cidade de letras; pero o protagonismo da música non é moito menor. Nunha época na que semella que o negocio do audiovisual está en crise, ó igual que tantos eidos da vida, non deixan de aparecer grupos no panorama musical. Normalmente, os comezos xorden por afección. Que un amigo toque a guitarra, un colega a batería e outro teña boa voz adoitan ser suficiente. A maiores só cómpre que os pais de algún deles posúan un baixo ou un local onde poidan deixar voar a arte sen molestar a ninguén.
Con isto e moita ilusión debería bastar para crear un conxunto de música, sexa do estilo que sexa. É cando decide darse o paso de darse a coñecer cando xorden as dificultades e aparecen as pedras no camiño. 'Fácil non está en ningunha cidade'. Son palabras de Pedro, o baixista de Lamatumbá; que, aínda sendo vigués, está familiarizado coa vida cultural ourensá por mor da súa pertenza ó conxunto.

A súa voz fala dende a experiencia da mestura de estilos. Pero tampouco dende o rock ou dende o folk son moito máis optimistas. Rebeca, de No sense, asegura que no último ano 'decaeu moito' o panorama musical ourensán, posto que 'grupos que eran sólidos desfixéronse e outros están estancados'. Por outra banda, o saxofonista e gaiteiro de Conhadeira, Óscar, ve a situación 'difícil e non se pode pensar en vivir da música'; pero para el o problema máis grave radica na 'falla de formación'.

En canto ós bares onde poder tocar, habelos, hainos. Algúns están especializados; por exemplo o Rock Club que, como o seu propio nome indica, acolle un tipo determinado de música. Pola contra, hai outros ós que lle 'dá un pouco igual, con tal de ter algo'. Tanto Rebeca como Óscar aseguran que o que lles importa é 'ter xente que consuma' e, por iso, 'aceptan un pouco tódolos estilos'. Con todo, cada vez a programación de concertos en locais da cidade é máis limitada, o que para Pedro é unha mágoa porque 'hai moita xente facendo cousas moi boas'.

Incluso iso ocorre na Praza Maior cando se organiza un concerto. 'O público en Ourense é un pouco ecléctico e, a non ser que lles metas algo moi 'heavy', responden ben', en palabras do gaiteiro de Coanhadeira. De feito, na cidade, hai moitos grupos de tódolos estilos e non é fácil saber que tipo de musica trunfa máis. Outro conto ben distinto constitúeno as Administracións, segundo os tres músicos, que 'limitan moito', para Lamatumbá. Óscar, pola contra, laméntase da 'mentalidade da subvención que hai en Galicia', que provoca que 'a xente non valore o suficiente a cultura'. A solución que eles atoparon foi ir 'asomando a cabeza' a través de concursos. En época de crise, asegura, 'hai que esquecerse das Administracións'.

Os músicos de Lamatumbá, No sense e Coanhadeira, recordan un estudo de gravación do concello, onde os grupos ourensáns podían realizar unha maqueta e que hoxe non funciona. Dende a súa posición, a concelleira de Cultura, Isabel Pérez, recorda que o material está gardado no Auditorio e que o proxecto será retomado coa apertura da Casa da Mocidade, no barrio da Ponte. Alí, os grupos ourensáns principiantes terán 'espazos onde poder ensaiar'. Quizais isto axude a que o panorama actual da música en Ourense mellore.

Te puede interesar