ENTREVISTA

José Luis Rico: “Se dubidamos, o mellor é tirar co cogordo para evitar intoxicacións"

photo_camera José Luis Rico Simal, presidente da asociación "Os Cogordos".

O presidente da asociación "Os Cogordos", di estar sorprendido co "gran atrevemento" de moitos afeccionados á hora de recolectar cogomelos sen pararse a observar as características dos fungos

Con cesta e navalla en man, os ourensáns bótanse ao monte a recoller cogomelos, un recurso natural moi apreciado na cociña. O presidente da asociación "Os Cogordos", José Luis Rico, di estar sorprendido co "gran atrevemento" de moitos afeccionados á hora de recolectar cogomelos sen pararse a observar as características dos fungos para comprobar se son ou non comestibles. Para evitar intoxicacións, o colectivo organizou a "XVI Semana Micolóxica Ourensá", un foro no que expertos na materia falarán sobre as pautas a seguir para identificar aos cogomelos e as posibles confusións. O vindeiro domingo 22, o Liceo acollerá unha mostra sobre as especies recollidas no contorno da cidade.

Foi un outono xeneroso este ano?
Non. De feito, a tempada é bastante mala. Fai mes e medio cando os meteorólogos anunciaban choiva e calor, frotabámomos as mans pero só acertaron a medias xa que houbo moi poucas precipitacións. Cando saímos ao monte comprobamos como os montes están secos e a humidade é una das condicións necesarias para a súa reproducción.

En que sitios podemos atopar cogomelos?
Non é necesario desprazarse lonxe da capital para recolectar cogordos. O problema é o estado lamentable no que están os montes. É preciso limpalos. Os boletus e lactarius, por exemplo, danse sobre todo nas zonas de Verín, Riós e A Gudiña, que comercializan con eles. Tamén notamos como cada vez aparecen máis variedades novas. É o caso da amanita caesarea, que nun principio dábase no Barco de Valdeorras e agora xa aparece en cantidades importantes noutros lugares como Cortegada. 

Que consellos lles darían aos que se queren iniciar no mundo da micoloxía?
En primeiro lugar, en caso de dúbida, tirar co cogomelo xa que podemos estar ante unha especie venenosa. Ademais das intoxicacións máis graves, hai que engadirlle dores de estómago e náuseas, consecuencias da súa inxesta e que non están contabilizadas. Outra das regras de ouro é que se consuman en  pouca cantidade se se trata da primeira vez para comprobar cómo nos sentan. Os cogomelos son para degustar e non para enchentas. 

Cal é a mellor forma de recollelos?
Para os que se inician, o mellor é arrancar o exemplar enteiro, clavando a navalla e facendo unha palanca para extraer toda a especie. Tamén os invitamos a que se acerquen os luns ata a sede da nosa asociación, sita na rúa Parada Justel, para comprobar se se trata dunha especie comestible ou non. É unha actividade totalmente gratuita. 

Como se conservan mellor?
Os cogomelos son perecedoiros polo que o ideal é limpalos e comelos o máis pronto posible. A súa conservación vai depender da especie da que se trate. Hai quen os conxela ou os precociña, aínda que últimamente emprégase moito a técnica da desecación para ter cogomelos ao longo de todo o ano.

Te puede interesar