Lamatumbá, cabeza de cartel en Xoldra de Aguiar: "A xente dános as grazas por volver"

El grupo Lamatumbá está de vuelta.
photo_camera El grupo Lamatumbá está de vuelta.
"Imos estar no Son Rías, no Revenidas, no Castelo Conta… e na Xoldra de Aguiar", valora Tonhito, de Lamatumbá, sobre o regreso do grupo; do que poderán disfrutar os ourensáns este domingo 30 de xullo en Pereiro

En 2011, recoñecidos autonómica e nacionalmente, pararon a súa actividade. Doce anos máis tarde o grupo ourensán Lamatumbá volve aos escenarios para tocar unha vez máis as reivindicativas cancións coas que saltaron á fama.

A Xoldra de Aguiar, evento solidario que terá lugar este domingo 30 de xullo, constitúe unha das paradas da xira de verán que está a percorrer o grupo. Tonhito, máis coñecido como “moucho”, leva dende 2002 sendo o guitarrista do grupo. Recorda e afirma na presente entrevista as orixes do grupo e o seu futuro próximo.

Os fanáticos de Lamatumbá coñeceron en maio a volta do grupo co lanzamento de Xa nos tardaba, estamos ante unha volta definitiva ou temporal? 

A idea, en principio, é  facer este ano e cando remate xa mirar se continuamos ou non. Ao final hai xente que ten outros proxectos, que está a traballar noutras cousas, que tivo fillos e ten responsabilidades familiares, etc. Levábamos varios intentos de xuntanza e o final de carambola o consíguemos. Axudounos moito que quixesen contar con nos na película de Cuñados e a nós mesmos tamén nos apetecía un verán de homenaxe ao noso traballo

Coa volta viran tamén novos proxectos?

O funcionamento dun grupo é algo moi esixente. Despois de doce anos non podes volver porque si, tes que aparecer con algo bo e iso esixe compor, tocar e ensaiar. Así que todo vai depender de como vaian as cousas. De seguir consideramos gravar máis cousas, un disco por exemplo.

Nesta nova etapa estades todos os integrantes do grupo? Hai cambios?

Inda que na metade da historia do grupo houbo un cambio de formación e cambiamos o cantante e algún músico, agora mesmo estamos os que paramos en 2011. Dende entón, o concerto do San Froilán foi o noso último. 

A idea da volta tiña unha única premisa: ser os mesmos que cando o deixamos. 

Cales son os escenarios que ides ocupar este verán?

Imos estar no Son Rías, no Revenidas, no Castelo Conta… e na Xoldra de Aguiar. Gústanos moito a idea da Xoldra e a xente que nos segue comentounos que lles gustaría ter a oportunidade de asistir a un evento no que puidesen desfrutar os seus nenos e eles mesmos á vez. E a nós tamén nos apetecía algo máis calmado e en horario de tarde. 

Enriba dos escenarios mantedes o estilo das vosas actuacións antigas?

O ton é o mesmo, e as letras tamén. Mover os pés e a conciencia era o lema daquelas e o que segue agora mesmo. Ademais, sempre traballamos moito os nosos concertos, empezamos a tope, mantemos o ritmo… queremos que guste. 

Tendo en conta a boa acollida que estades a ter, as expectativas para o resto do verán son positivas? 

Si, a xente está contenta, estannos a acoller moi ben e hai unha mestura moi curiosa entre o público, novos e vellos. É todo un privilexio regresar así, e a min o que máis me sorprende é que a xente nos de as grazas por volver.

Unha última pregunta, tendes algún desexo por cumprir?

A nosa idea de é acabar o ano facendo un concerto en Ourense. Todos os integrantes somos de Ourense e gustaríanos facer algo na nosa cidade.
 

Te puede interesar