ENTREVISTAS

Ana Pontón: "Lamento as baixas, o BNG ten as portas abertas a todos os nacionalistas"

Ana Pontón no Parlamento de Galicia esta semana.
photo_camera Ana Pontón no Parlamento de Galicia esta semana.

Ana Pontón é a primeira muller que chega á portavocía nacional do BNG e non precisamente nun momento doado logo dos últimos resultados electorais e a recente baixa como militantes de Anxo Quintana e de Carlos Aymerich.

Malia os atrancos, parece segura: "Eu penso que as dificultades deben de ser sempre elementos que nos estimulen para traballar mellor e nós somos parte dunha xeración de mulleres deste país que non ten medo e que asume os retos con optimismo  e convencemento,  porque cando un defende as ideas nas que cre todo vai ir para adiante.

Que sente cando escoita que o BNG pode quedar nunha forza residual? 

Creo que son desexos que algunhas persoas poden ter pero non van ser realidade. O BNG demostrou a súa fortaleza o pasado domingo. Vimos a 2.500 persoas acreditadas e participando nos debates, con ideas, propostas e con madurez, tamén como organización política. Temos unha importante implantación municipal, unha organización forte e un revés electoral non significa que non haxa capacidade de reacción. Estamos nunha nova etapa, abrimos un proceso de refundación que é ilusionante e aberto á participación de todos os nacionalistas que hoxe non están no BNG e polo tanto temos moito futuro que gañar. 

Cando se reúnen para refundar a fronte alguén acaba marchando. Sucedeu en Amio e agora semella que o BNG tamén saíu tocado da Asemblea da Coruña. 

En Amio non se falou de refundación. Son procesos e situacións moi diferentes, non teñen nada que ver. Son unha persoa que cre que non se pode estar un mirando sempre polo retrovisor, porque non che permite ver o horizonte de futuro. Nesta ocasión, polo menos que eu teña constancia , hai unha persoa que públicamente manifestou que non vai seguir formando parte do BNG. Non comparto esa decisión. No BNG hai un espazo común para traballar aceptando que somos plurais e que a pluralidade é unha fortaleza. O que imos facer é para ensanchar a base nacionalista, tanto a que está organizada como a nosa base social  e electoral. 

Esa persoa da que fala é Carlos Aymerich, que quere construír unha nova casa común. Por que non atopa acomodo no BNG? 

Só sei que tanto Carlos Aymerich como todos os compañeiros e compañeiras da organización, e neste caso Carlos Aymerich máis, sempre tiveron apoio para ter as máximas responsabilidades orgánicas e institucionais. Carlos foi deputado en Madrid, deputado no Parlamento galego e portavoz co meu apoio e o doutras persoas e non responde á realidade do BNG con ese tipo de declaracións. Nós estamos aquí abrindo novos espazos e lamento que haxa persoas que non o consideran así. Son decisións individuais que teño que respectar, aínda que xa dixen  non comparto as razóns porque no BNG hai espazo para traballar todo o mundo cómodamente. Só hai que ver o funcionamento da organización,  porque hai outras nas que cando hai críticas ou voces discordantes mesmo se fulmina a toda a dirección. No BNG todo mundo poder falar, opinar e debater as súas ideas e logo a militancia decide democráticamente. O BNG segue sendo a casa común do nacionalismo e coa refundación queremos ensanchar ese espazo e atraer a máis persoas para traballar en positivo por Galiza. 

Ao día seguinte desta conversación sóubose que Anxo Quintana tamén deixa o BNG e Ana Pontón respondeu por teléfono á pregunta sobre que supón a súa baixa.

O primeiro que teño que dicir é que lamento a baixa de Anxo. O BNG é unha organización que segue tendo as portas abertas para todos os nacionalistas que queren construír un futuro de dignidade para Galiza e todos é todas teñen cabida. É a mensaxe que quero deixar. 

Alcaldes como os de Vimianzo, Bueu, Ribadeo, Zas ou Pobra doBrollón tamén poden coller a porta. 

Eu non teño esa información. Con algúns deles teño falado estos días e en todo caso o que teño que dicir e que o BNG é un espazo onde todo o mundo pode traballar e aportar. Todas esas persoas tiveron sempre o apoio da organización e vano a seguir tendo. 

Non están dando un paso atrás xente moi válida como Xavier Vence, o anterior portavoz nacional?

Xavier Vence é militante do BNG e vai seguir colaborando. Outra cousa  é que non estea na dirección. Son cousas diferentes.  Eu sempre falei moi ben de Xavier, valoro moi positivamente a el como persoa e a súa disposición é a de traballar e participar neste proceso de refundación. 

A confluencia con outras forzas con sensibilidade nacionalista quedará desbotada ou hai posibilidades de entendemento de cara a próximos procesos electorais?

A militancia do BNG decidiu na pasada Asemblea propoñer unha candidatura nacionalista de confluencia con outras organizacións do ámbito do nacionalismo, do galeguismo, organizacións soberanistas... E polo tanto imos  lanzar unha oferta a todas esas organizacións e a todas as persoas que queren construír unha alternativa en clave nacionalista porque cremos que é vital para o futuro de Galiza. Temos un panorama político e social realmente desolador. Galiza perde poboación, perde emprego e futuro polas políticas que se fan tanto dende a Xunta de Feijóo como dende o Goberno do Estado ou dende a Unión Europea. Hai que construír unha alternativa que teña os pés ben enraizados no país porque cremos que hai que mudar a situación de dependencia e marxinalidade de Galiza. A historia di que só poderemos conseguilo se facemos unha acumulación importante de forzas ao redor do nacionalismo. 

Esas forzas poderían ser En Marea, Anova, Podemos...?

Todas as forzas que compartan un programa nacionalista van poder participar con nós. Todas as organizacións nacionalistas, sen exclusións de ningún tipo, teñen as portas abertas para participar nesa candidatura. 

Foi un erro prescindir das siglas nas últimas eleccións?

Un nunca sabe que pasaría se nos presentáramos coas siglas do BNG e non a través dunha fórmula de encontro con outras organizacións e persoas que foi Nós-Candidatura Galega. Foi un proceso de reencontro positivo con moita xente e temos que seguir traballando. O futuro determinará a formulación concreta pero, en todo o caso, o BNG vai presentarse ás eleccións con convicción e forza,  porque cremos que a alternativa que representa o nacioanalismo é a que pode permitir superar moitas das inercias e romper coa dinámica actual. Tamén temos moi claro que todas as decisións sobre a candidatura van decidirse colectivamente dentro da militancia do BNG.  Temos un traballo moi importante feito, penso que  o nacionalismo, históricamente e nestes últimos catro anos no Parlamento galego, demostrou que é a forza política non só con máis capacidade de actuación, senón que demos unha resposta máis contundente aos recortes e ás políticas regresivas do PP. Temos capacidade para ter a rúa no Parlamento e o Parlamento na rúa, que é o importante. 

Non o fixo tamén AGE?

Non vou valorar o que fixeron os demáis. Si que creo honestamente que o BNG destacou cunha intensa actividade e tamén en moitas ocasións sacamos o Parlamento a rúa fronte á censura do PP e fronte ó intento de ningunearnos como grupo recortando a democracia sen responder ao que está pasando fóra destas catro paredes. O primeiro que teríamos que pedir sería derrubar ese muro que nos rodea porque é todo un símbolo de como concebiu o PP as institucións autonómicas, separadas da cidadanía e da xente. 

Vai ser a candidata á Xunta? Agora o portavoz nacional xa pode. 

A persoa que ocupe esa candidatura tena que decidir a militancia nun proceso participativo. A decisión tomaránse nun horizonte non demasiado longo pero agora é prematuro.

Apetécelle?

Neste momento aínda non pensei nese tipo de cousas. Afortunadamente temos moita xente válida. 

“A xente xa bota de menos no Congreso ao Bloque" 

Dise que ahora o BNG é definitivamente unha coalición entre a UPG eo MGS...

(Rise) Xa sei que na prensa gustan moito as simplificacións, pero o BNG é e foino sempre unha organización moito máis plural que iso. Temos unha maioría de militancia independente que participa, ten presenza institucional moi grande e a redución que a veces se fai é unha desconsideración para os militantes indepentes, que son miles e participan activamente no BNG.

O BNG chegou a ter 9.000 militantes e tamén saían adiante as teses da UPG. Traballan máis?

O que me chama a atención é que moitas veces se intente dar a imaxe de que o BNG non funciona democráticamente cando somos a organización máis democrática de todo o Estado español. Está garantido o debate e a posibilidade de discrepancia pública coas decisións da dirección, onde só 15 militantes poden presentar unha canditatura ao Consello Nacional... Penso que é un reducionismo para facer unha caricatura do BNG, pero é inxusto porque non responde á realidade.

Que pensa do papel de En Marea no Congreso, onde xa non está o BNG?

En Marea claramente está actuando dunha forma subordinada á estratexia de Podemos, integrada no seu grupo e sen impulso para poder defender Galiza. Penso que Galiza está desaparecida no Congreso e é unha mala noticia. Creo que nestes momentos moita xente bota de menos a voz do BNG.

Que vai pasar con xente como Tereixa Paz, Carme Adán, Vence, Alba Nogueira, Jorquera...?

Pois que van seguir sendo militantes da organización e teñen espazos onde traballar e desde logo teño toda a disposición para contar coas súas opinións, que son importantes neste proceso de refundación. Todos somos necesarios, os que estamos e os que non. Jorquera vai seguir sendo portavoz parlamentario esta lexislatura.

Por que non cala entre os mozos á mensaxe do BNG e si a de En Marea?

Temos un problema na conexión electoral con sectores da mocidade e temos que traballar nese ámbito. Hai xente nova que ten gañas de participar, porque non creo no tópico do pasotismo.

Que representa Beiras?

Foi portavoz nacional. É unha persoa á que teño que respectar aínda que non comparto as súas decisións nin a súa actitude nos últimos anos contra o BNG.

Na Asemblea escoitouse “Francisco Rodríguez, patriota galego". Non o son Beiras, Quintana, Noriega, Aymerich?

(Rise) Eu non funciono en clave de clixés. 

Te puede interesar