Cinco alumnas do Campus veñen de acadar un premio da Fundación Barrié por un traballo audiovisual que recolle as memorias educativas do xornalista Luis Padrón, estudante no colexio Calvo Sotelo do Carballiño.

As lembranzas teñen premio

Alba López, Elena González, María José González, Beatriz Gómez e María Miguélez.
Cando comezaron as clases de 'Aprendizaxe das Ciencias Sociais' do grao en Educación Infantil do Campus, a profesora Rosa María Cid explicoulle ós seus alumnos o traballo práctico que terían que facer en pequenos grupos pasa superar a asignatura. Daquela, o equipo formado por Alba López, Elena González, María José González, Beatriz Gómez e María Miguélez escolleu elaborar un roteiro arredor da Catedral. Polo medio desta idea cruzouse a primeira edición do concurso de Historia da Escola en Galicia, convocado pola fundación Barrié, e os plans das ourensás mudaron de xeito radical.
'O concurso consistía en facer unha entrevista a unha persoa maior de 65 anos sobre as experiencias escolares da súa época e dende o seu punto de vista' co obxectivo de recuperar a memoria viva dos maiores e, a partir de aí, reconstruír a historia da educación galega, segundo explican na memoria do traballo. Para atopar ó protagonista optaron primeiro por acudir a unha residencia de maiores e falar con alguén que deixase testemuño das súas lembranzas, pero tampouco neste caso a idea inicial foi a que se mantivo. Finalmente, e a través de coñecidos comúns, escolleron a Luis Padrón, xornalista ourensán de 88 anos. A súa infancia transcorreu no Carballiño, os seus primeiros anos académicos no colexio Calvo Sotelo e a súa vida profesional en La Región.


REPRODUCCIÓN DA AULA

Co Museo Universitario da Historia da Educación en Ourense como escenario, presidido por dous referentes na docencia da cidade como foron Vicente Risco e Rosa Pons, Luis Padrón narroulles ás estudiantes do Campus de que xeito transcorría o día a día da súa etapa escolar no centro fundado por José Calvo Sotelo. O marco non foi elixido por casualidade, senón que dentro está reproducida unha aula dos anos 30, etapa na que estudou Luis Padrón coincidindo coa II República, un dato ó que o entrevistado se refire de xeito constante nas súas lembranzas.

De todo isto, o resultado son 15 minutos de audiovisual que comezan coas clases particulares que o xornalista recibiu no Carballiño, seguidos das vivencias no Calvo Sotelo e a posterior aprendizaxe nos xesuítas de Valladolid. Na entrevista, Luis Padrón relata ademais o paso da República ó Franquismo e a forma na que iso se materializou na escola con rituais coma os rezos.

A experiencia foi 'inesquecible' para as cinco alumnas de Educación que 'aprenderon máis do que agardabamos', segundo lembra María Miguélez, unha das protagonistas. A principal conclusión que extraen pasa por considerar que 'as persoas maiores teñen que ser un recurso fundamental para as clases de infantil'. Agora, ó enriquecemento académico e persoal súmase a satisfacción de ter acadado o primeiro premio de EducaBarrié na categoría universitaria. Tamén a profesora encargada da asignatura, Rosa María Cid, se contaxiou desta ledicia porque 'fixeron un traballo estupendo'.

Te puede interesar