Libros en galego e alento para Domingo Villar

Lectores, na carpa da Agrupación de libreiros (MIGUEL ÁNGEL)
photo_camera Lectores, na carpa da Agrupación de libreiros (MIGUEL ÁNGEL)
A Agrupación de libreiros celebra a xornada con agasallos e descontos

Moitos dos veciños que se achegaron onte á carpa que a Agrupación de libreiros de Ourense instalou na rúa do Paseo lembráronse do escritor galego Domingo Villar, ingresado moi grave por un infarto cerebral. “As sete librarías que nos xuntamos para celebrar o Día das Letras Galegas trouxemos obras de Villar coma homenaxe e moitos lectores preguntáronnos por elas. Están moi interesados por ler algo deste autor”, asegurou o presidente desta agrupación, José Manuel García Mosquera, a este diario. 

Tras anos de ausencia, os libreiros recuperaron a tradición de sacar un amplo repertorio de obras en galego, que tiñan un 10% de desconto co gallo da  xornada festiva. Entre as máis vendidas, salientaron “Infamia”, de Ledicia Costas;  “Non é de Taramundi”, de Luis Manuel García Mañá; e “Ourense en acuarelas”, de Eduardo Bahamonde, según datos facilitados por García Mosquera. Un dos autores máis vendidos, Eduardo Bahamonde, estivo asinando as súas obras todo o día na carpa e pintando acuarelas feitas no momento que agasallaba a todos os que mercaban os seus libros. García Mañá non puido acudir por problemas de axenda.

VERSOS DE FLORENCIO DELGADO

Na carpa, situada diante do Centro Cultural José Ángel Valente entre as dez da mañá e as oito da tarde, instalouse un equipo de son para que os lectores puidesen facer lecturas públicas de anacos da obra de Florencio Delgado Gurriarán, o poeta de Vilamartín de Valdeorras homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022.  

As sete librarías que participaron na xuntanza foron  A Nova, Khatedra, La Librería, Nobel, Padre Feijoo, Punto e coma e Zampacontos.

O 45% DE OURENSÁNS DI QUE NUNCA LE LIBROS EN GALEGO

Case a metade dos ourensanos, máis do 45%, recoñece que nunca le libros en galego, según os datos do Instituto Galego de Estadística (IGE) do ano 2018, que é o último no que se fixo esta enquisa ata agora. Soamente o 1,34% dos veciños de Ourense confesa que le só en galego, fronte o 48,19% que asegura que le maís libros en castelán que en galego, e o 5,34% que sinala que le máis en galego que en castelán. Os lucenses son os galegos que máis len só en galego, un 2,74%.

Te puede interesar