Loñoá volverá atoparse co seu pasado oleiro

Pezas de olaría exposta na Casa do Oleiro de Loñoá, en Pereiro de Aguiar.
photo_camera Pezas de olaría exposta na Casa do Oleiro de Loñoá, en Pereiro de Aguiar.
As olas de Loñoá son o símbolo do Pereiro. É o regalo que ofrece a todos aqueles que o visitan de xeito institucional ou aos veciños que casan. A III Festa Etnográfica recordará ese pasado oleiro.

Loñoá, ou como era coñecida antigamente, Loñoá das Olas, volverá atoparse este domingo co seu pasado oleiro na III Festa Etnográfica do Pereiro. Nesta aldea do concello de Pereiro de Aguiar non queda a día de hoxe ningunha familia que se adique a este ancestral oficio, pero si quen recorda esa época. Un deles é Eliseo Fernández, actual tenente de alcalde, exrexedor municipal durante máis de tres décadas e descendente de oleiros.

O espazo da presentación, a Casa do Oleiro, conta cunha exposición de pezas, algunhas con máis dun século de antigüidade. Fernández, como descendente de oleiros, explica cal é o segredo da xerra: “A barriga e o bico. Na barriga nunca pode quedar líquido cando se inclina e o bico non pode babar”. Pero se algo diferencia ás olas de Loñoá é o seu barro. A diferencia do de outras zonas tradicionais como pode ser Niñodaguia, este material arxiloso non se recobre con pez ou con chumbo. Por que non se fai? “Porque o seu barro é poroso. Se non o bañaban as pezas collían humidade constantemente. Pola contra, o de Loñoá era menos arxiloso e non facía falla revestilas con outro material”. Este material posibilita tamén facer unhas pezas máis finas do habitual. “Ese é o noso segredo en Loñoá das Olas”, argumenta. Ademais, as xerras son un símbolo do municipio, tanto que son o regalo que se entrega ás visitas institucionais ou mesmo á xente que casa no concello. Tamén lembra Fernández o antigo forno común e os procesos de cocido das pezas. “Onde máis se fabricou é naquela casa cunha figueira”, sinalaba o tenente de alcalde, oriundo desta aldea. Ademais dese forno común, tamén había “pequenos fornos particulares coma o que tiña meu pai na nosa casa”. Neste senso, animouse a desvelar un segredo no que respecta aos fornos: “A porta pola que se sacan as pezas nunca pode quedar cara ó norte, porque vén o vento frío e grétaas ao cocer”.

Programa das festas

Tras dous anos de parón por mor da covid, o Concello do Pereiro recupera esta festa. O obxectivo é volver ter a popularidade das dúas primeiras edicións e seguir atraendo a máis xente. O alcalde de Pereiro, Luis Menor, explicou que Pereiro “é un concello cunha dobre dimensión: por unha banda o concello do parque empresarial ou o do complexo deportivo de Monterrei, pero na outra está o que nos levou ata aquí, o das parroquias”. 

Menor tamén fixo fincapé na idea de “retomar, xa sexa de forma profesional ou lúdica, un oficio tan representativo dunha das nosas parroquias”.

Así, durante toda a xornada do domingo haberá unha mestura de actividades para toda a familia, dende xogos populares ata un roteiro teatralizado polas Olas de Loñoá, sen deixar de lado a gastronomía, a música ou o baile. 

Te puede interesar