Un lume inalcanzable

O Invernadoiro segue en chamas e semella imposible chegar a elas. As carreteras non entran na reserva e fan falla horas de viaxe a través de pistas forestais para achegarse un mínimo ao lume. Cae faísca, cheira a fume e a vista parece emborronarse.

O lume é moi noso. Está presente en moitas das nosas celebracións e das nosas lendas: San Xoán, o enterro da sardiña, o magosto, o lume de San Telmo, a queimada ou mesmo na Santa Compaña. E igual que é lenda, é historia. Historia negra. Non hai ourensán, nin galego, que non recorde chover faíscas.

O Invernadoiro arde. Son xa máis de 6.500 hectáreas de monte as que asoballaron as chamas orixinadas na parroquia de Pradoalbar, en Vilariño de Conso. Os servizos de extinción traballan arreo para tratar de controlar un dos lumes máis complicados de combater polo intricado da orografía. Tan difícil é que é imposible chegar ao lume por terra. A estrada máis próxima queda a quilómetros de distancia do lume. Cheira a fume dende lonxe e vista semella nubrarse, impedindo seguir o avance do lume con claridade.

A zona coñécena ben os veciños que viven preto dun parque natural só comparable en Galicia ao das illas Cíes. Jesús vive en Forcadas, no concello de Chandrexa de Queixa, do lado da reserva oposto a onde apareceron as primeiras chamas, pero no que xa se observan moitos montes ardidos. Cada pouco, o fume volve emerxer no territorio queimado e os helicópteros acoden prestos para que o lume non reavive. “Por sorte, o lume aínda queda lonxe de aquí, as casas non corren ningún perigo, e, pola zona na que ardeu, non debeu coller moitas fincas”, explica.

Este gandeiro coñeceu ao lume de primeira man, porque a principios da pasada semana tivo que rescatar ao seu gando. “Subimos 4 ou 5 veciños ao monte para que o lume non matara as miñas 80 vacas”, relata. Unha vez alí, o primeiro que fixeron foi combater o lume, en colaboración cos servizos de extinción. “Apagamos case todo nós, alí está todo máis coidado e o lume non corre tanto”. E despois de analizar a situación, decidiu deixar alí ao seu gando porque “non corren perigo, alí xa non volve o lume”.

Dende os miradores da reserva e dende o alto de Cabeza de Manzaneda pódese observar entre a néboa que produce o lume o poder da natureza. Cómpren horas de viaxe por pistas forestais impracticables para poder achegarse un mínimo á destrución. Miles de hectáreas queimadas aparentemente sen esforzo, superando aos centos de traballadores que poñen todo o que teñen dentro para que as perdas de fauna e flora sexan as mínimas posibles.

Te puede interesar