ENTREVISTA

Manoel Carrete: "É de xustiza contar a historia da emigración"

photo_camera Manoel Carrete, novo asesor de Emigración da Deputación.(M. ÁNGEL)

Onte tomou cargo como asesor de Emigración da Deputación de Ourense

Nado en Cataluña, pero de pai galego e nai do Bierzo, Manoel Carrete sempre exerceu de galego, e como galego defínese en primeiro termo. Agora asentouse en Galicia, para estar máis preto dos seus, e porque el sempre sentiu a "conciencia de Galicia". Aínda se está a instalar no que será o seu despacho, no Marcos Valcárcel. Está encantado de telo ao lado dos fondos da biblioteca da Deputación. "Aquí hai moito material que se pode incorporar ao Museo Galego da Emigración", asegura. Precisamente a posta en marcha deste espazo é un dos seus primeiros proxectos como asesor de Emigración da Deputación, posto que acaba de estrear.

Como asume o novo cargo?

Estou moi ilusionado. Para min é un proxecto de vida. Isto é algo polo que eu loitei sempre, porque son fillo da emigración e porque é a gran epopeia de Galicia e non hai un museo adicado a ela. 

Por que é importante para vostede que exista este museo?

Porque é imprescidible que a xente poida tocar e ver o material da emigración. Quen non tivo un parente emigrante? Quen non ten unha maleta do avó que foi a Cuba, ou a Bos Aires, ou dun pai que estivo en Venezuela? Hai que contar esas historias porque senón parece que os galegos so estamos en Galicia e esa non é a realidade.

Vostede sempre se interesou pola diáspora galega, á que adicou diferentes estudos. Cumpre un soño aceptando este cargo?

Si, sempre tiven moi presente a emigración. Creo que todos os traballos que fixen durante a carreira foron adicados á emigración. Todos. Os meus compañeiros en Barcelona dicían "é moi catalán, pero é galego" (risas).

Que peso gardará Ourense nese museo, que se situará no Pazo de Vilamarín?

O museo recollerá toda a emigración galega, pero Ourense e a ourensanía merecen unha atención especial. Por exemplo, La Región Internacional era o xornal co que se comunicaba a diáspora. Meus pais foron emigrantes en Suíza e lían La Región. Pero a lía un galego, e a lía un andaluz. La Región estivo moi presente en toda a emigración europea e na americana, non cabe dúbida. En todos os eidos temos emigrantes galegos. 

Din que “hai un galego na lúa"...

Seguramente (risas). Cantos galegos estiveron na construcción do Canal de Panamá? Ou os panadeiros que temos en Chile, que son de A Mezquita; a xente de Viana e Valdeorras, en La Habana... En fin, toda aquela xente que marchou de pobos pequenos e creou grandes imperios, pero que nunca se esqueceu de Galicia. Esta xente ten que ter o seu espazo de lembranza.

Semella que vai a desfrutar traballando neste proxecto...

Eu creo que é de xustiza. A xente que marchou ten que contar a súa historia, aínda que non recoller todo sería inarbacable. 

Cal sería un bo exemplo dese material que van a recompilar?

Aos que estiveron no Canal de Panamá pagábanlles con moedas de ouro, e aos demáis -que non eran galegos-, de prata. Hai libros adicados que recollen, e Galicia non sabe diso. O inventor da calculadora é un señor da Estrada, Ramón Silvestre, que emigrou a Bos Aires. Ou o do futbolín, Alexandre Campos, un fisterrá que o inventou en Monserrat (Barcelona). Todo iso haino que contar.

Con tantas ideas, por onde vai a empezar?

Como di aquel, teño que coñecer os fondos da casa -pola Deputación-, que son moi bos.

De onde lle chegou a súa paixón pola emigración galega?

Meus avós e meus pais foron emigrantes. En Barcelona, collía un taxi e o conductor era galego. Cando mercaba o pan, atendíame un galego. Alí, todos cantabamos o "pídechas o corpo" de Ana Kiro... Sentín que tiña que abordar todo aquilo, sempre quixen formar parte, por iso presidín durante cinco anos o Centro Galego de Barcelona. 

Te puede interesar