ENTREVISTA

Manuel da Costa:"En Vigo xa tiveron leas e Ourense é a seguinte; houbo problemas de cobertura en decembro"

fn_6308_result
photo_camera Manuel da Costa, médico e portavoz do comité de folga do PAC de Ourense.

O médico e portavoz do comité de folga do PAC de Ourense explica por qué o sector está en "pé de guerra"

Os Puntos de Atención Continuada (PAC) da comunidade seguen "en pé de guerra". Se no mes de outubro o persoal iniciaba doce xornadas de folga ata o mes de novembro, dende o pasado luns a situación é de carácter indefinido. Os pacientes seguirán recibindo atención médica con normalidade, xa que os servizos mínimos son os mesmos que os habituais neste tipo de centros. Manuel da Costa, médico e portavoz do comité de folga do PAC da capital ourensá, reflexiona sobre a actual situación dos profesionais, na provincia de Ourense particularmente, e sobre as posibles solucións, presentes e futuras. 

Cando comezaron as queixas entre os traballadores? 

Levamos xa case un ano de xuntanzas entre o persoal dos PAC para pedir solucións á situación, xa  que cremos que estaba deteriorándose a asistencia e a calidade do noso traballo. Entón elaboramos unha lista de nove puntos que remataron por ser once. 

Que piden, principalmente?

O noso principal cabalo de batalla é solucionar os problemas que temos coa nosa xornada, recuperar os complementos retidos cando se conxelou no ano 2010 o plan de mellora da Atención Primaria, e ter equipos duais -onde haxa un médico, que haxa tamén un profesional de enfermería-.

Que tipo de xornada teñen agora mesmo?

Temos unha xornada mínima anual que, pola falta de profesionais, pódese estender máis horas para cubrir permisos ou vacacións. O Sergas conta na nosa xornada estas horas, que chama "complementarias", pero que tes que facelas si ou si porque non hai xente, aínda que non tes a obligación de facer. De haber persoal, non as faríamos.

Como afecta isto ao persoal?

Nun PAC pequeno, por exemplo, un médico e unha enfermeira teñen unha garda cada catro días. Ao final de ano estas supoñen un número determinado de horas, nas que van as vacacións e os días de asuntos propios. Cando os catro compañeiros dese PAC piden vacacións ou días de asuntos propios, quedan sin ter un nome asignado unhas 800 horas de garda. 

A quen se lles asignan?

Pois hai que andar buscando quen as faga, pero se non hai persoal é onde comeza o lío. Ao final, estiran a túa xornada laboral, por riba da mínima que está pactada. Neste momento din que o problema é que non hai médicos nas listas. 

Como se pode aumentar o persoal sanitario?

Primeiro, ten que haber máis enfermeiras onde hai médicos. Segundo, agora mesmo hai unha bolsa de licenciados en medicina en España de entre 7.000 e 10.000 que non puideron acceder ao MIR. Son médicos porque acabaron os estudos, pero como non teñen a especialidade, non poden exercer. Gran parte do problema está aí. 

Que solución propoñen?

Aumentar as prazas MIR. Outra xente dalle voltas á idea de aumentar as prazas das facultades de Medicina, pero non podes ampliar estudantes para non ter logo praza. Primeiro hai que darlle saída aos licenciados, estabilizar a situación, e logo xa se verá o das prazas. 

Pero un MIR tarda catro anos en formarse. 

Si, non é unha solución de hoxe para mañá. Vai ir moi pouco a pouco. Noutras comunidades están contratando recién licenciados pero a normativa di o que di. Ademais, só os contratan en Atención Primaria, o que a desprestixia un pouquiño. O seu título serve para todo, pero só os contratan para médico de familia cando tamén fan falta outros profesionales doutras especialidades.  

Valore a situación da provincia ourensá.

A xerencia de Vigo xa pasou por problemas, Ourense é a seguinte. Xa tivemos problemas de cobertura no mes de decembro, entre a ponte da Constitución e as festas. Denegaron vacacións e cambiaron permisos porque non había con quen dar cobertura. 

Cales son os puntos máis quentes?

A cidade, Xinzo e Carballiño son os que teñen máis presión asistencial. É onde se deben plantexar aumentar os efectivos. 

A canta xente chegan a atender na cidade nunha mesma xornada laboral?

En Ourense, un luns ou un sábado, moi parecidos en canto a asistencia, podes acabar as sete horas da xornada vendo a entre 40 ou 50 pacientes. Os domingos, nunha quenda de 14 horas, podes ver entre 70 e 100 persoas por cabeza. As noites son impredecibles. 

Cales son os parámetros de calidade?

Falan de 30 ou 35 persoas por cada 7 horas. Pero é complicado, non é algo que esté escrito en case ningún sitio.

Cando comezaron as negociacións co Sergas?

As reunións da mesa técnica sobre os PAC comezaron en maio e a mesa sectorial arrancou en outubro. Levamos tres reunións e, en principio, con pouco avance. A Xerencia de Ourense estase portando con nós, pero os nosos problemas teñen que solucionarse en Compostela.
 

Te puede interesar