Manuel Reigosa: "Esperamos poder matricular no Grao Dual de Automoción este mesmo ano"

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, no set de AtlánticoTV.
photo_camera O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, no set de AtlánticoTV.

Entrevista ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Podes escoitar a entrevista neste podcast.

 

Entrevista a Manuel Reigosa

 

 

Cifras de alumnado, captación de fondos nacionais e internacionais para proxectos de investigación, o papel das mulleres investigadoras, os orzamentos da institución… O reitor Manuel Reigosa fai balance da situación actual da Universidade de Vigo.

A UVigo vén de aprobar o orzamento máis elevado, case 249 millóns de euros. Cales son as grandes apostas e liñas estratéxicas destas contas?

Pódense facer moitas cousas con case 250 millóns de euros e creo que moitas desas cousas teñen que ver coa captación, coa retención de talento e coas posibilidades de que a universidade continúe medrando na súa calidade, tanto docente como investigadora. Pola nosa banda, a meirande parte dos esforzos que se poñen nos orzamentos teñen que ver precisamente co persoal, que ao final é que fai a institución. Manter o talento na universidade é a liña mestra, e nós pensamos que tamén é a razón do noso éxito en canto a captación de fondos externos, que vai permitir continuar nunha senda alcista dentro dunha situación económica máis ou menos estable.

Recentemente acadaron cifras históricas na captación de fondos nacionais e internacionais para proxectos de investigación.

En comparación con anos anteriores, a tendencia é exponencial en canto a captación. Agora mesmo xa é normal que investigadores e investigadoras da nosa institución acaden éxito na consecución de fondos europeos como ‘Horizon Europe’, que son moi competitivos e complexos de recibir. Isto hai dez anos era imposible. Nestes momentos moitos destes proxectos están a ser liderados por investigadoras e investigadores da UVigo.

Que accións está a levar a cabo a UVigo para contribuír a pechar a fenda de xénero que continúan padecendo as mulleres no sistema científico e innovador?

Puxemos en marcha unha medida absolutamente pioneira na universidade española, posiblemente na europea, que consiste en que a muller, despois do parto e da crianza inicial, poida volcarse máis na investigación. Elas gozan dun ano no que están eximidas de docencia e un ano adicional no cal teñen o 50% da docencia. Non para que traballen menos, senón para que teñan esa oportunidade que perden en canto a produción científica e que poidan equilibrarse. Pensamos que gran parte deste déficit de mulleres que temos en postos altos, concretamente nas cátedras, ten que ver con esa mochila de coidados que levan ás costas. É unha medida pensada para os seguintes catro anos, estou moi esperanzado.

En relación ás novas titulacións. Que tempos manexan para a implantación do Grao dual en Enxeñaría da Automoción? Que outras encaixan no catálogo da UVigo dos vindeiros anos?

O grao dual en Enxeñaría da Automoción é un título absolutamente novidoso. A verdade é que se un mira o mapa de capacidades industriais de Galicia, o que máis sentido ten é empezar cun grao dual de capacidades de automoción en Galicia e que ese grao estea en Vigo. Eu agardo que non haxa atrancos adicionais e esperamos poder matricular en primeiro este mesmo ano. En canto a titulacións novas, hai algunhas que xa están no forno. Fundamentalmente mestrados moi novidosos, a maioría interuniversitarios, que suporán un avance moi importante para o sistema universitario galego. Temos a esperanza de que na negociación do novo mapa de titulacións poidamos traer para os tres campus da UVigo algún grao.

Neste curso 2023-2024 tamén acadaron a mellor cifra dos últimos sete anos en estudantado de novo ingreso de grado. Cales son neste momento as carreiras que suscitan maior demanda?

Nós levamos moito tempo traballando para que as carreiras sexan coñecidas. Aínda non tivemos éxito en todas. Hai carreiras con pouca demanda que teñen pleno emprego e que son importantes para o desenvolvemento do país. Hai carreiras moi novidosas como Aeroespaciais ou Relacións Internacionais; e tamén están as enxeñarías ou as titulacións de Pontevedra, que teñen un éxito extraordinario. A sustentabilidade dunha universidade depende da súa función docente e da súa atracción de talento nas aulas entre o estudantado, e imos seguir traballando para que todas as nosas titulacións teñan esa capacidade de atraer alumnado cara á nosa universidade. 

Aínda así, hai unha progresiva caída nas cifras de alumnado. A crise demográfica de Vigo y de Galicia é un desafío para a Universidade.

Neste momento é obvio que estamos lonxe daquelas cifras de 30.000 estudantes que tiñamos nos anos 90, pero si que é certo que a baixada no número de alumnos e alumnas é practicamente residual. Estamos preto dos 20.000, pero temos a ollada posta no futuro. O futuro da crise demográfica vai facer que a partir de 2028 teñamos problemas de captación de alumnado. Así que pensamos que a aposta para esta etapa é atraer alumnado estranxeiro. Neste sentido, coido que somos unha universidade o suficientemente boa para que moita xente queira vir a Galicia a estudar. É un sistema de calidade nunha universidade moi dinámica en investigación, o cal tamén pode resultar enormemente atractivo para estudantes internacionais. 

Sobre eficiencia enerxética. Que medidas contemplan para o plan de aforro enerxético?

Sempre hai previsións nos orzamento para seguir afondando nas medidas de aforro enerxético e captación de enerxías renovables. O noso obxectivo para o final do mandato é que todos os edificios da UVigo teñan enerxía proveniente da fotovoltaica. Estamos facendo unha aposta importante nos diferentes campus: biomasa, enerxía xeotérmica en Ourense e está previsto instalar un aeroxenerador no campus de Vigo. Queremos depender menos de enerxías fósiles e que a UVigo sexa unha das universidades máis sostibles en termos enerxéticos. 

En 2023 a UVigo logrou posicionarse entre as 600 mellores universidades do mundo no ranking de Shanghái e foi recoñecida como unha das universidades máis punteiras en Tecnoloxía dos Alimentos, alcanzando o posto 15 na clasificación global.

Os rankings sérvennos para mellorar. En ciencia e tecnoloxía dos alimentos estabamos entre as 75 mellores do mundo, pero este ano chegamos a estar entre as 15 mellores. Nós apostamos pola creación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), con sede no campus de Ourense, e ademais contamos con que este centro sexa unha das pezas importantes do laboratorio transfronteirizo que se vai facer entre Portugal e España. Estamos dando pasos para manter esa posición, que non é doado, pero incluso se podemos chegar máis arriba, intentarémolo. amos moi orgullosos do que se está a facer no campus de Ourense. 

Cal é o teito?

O meu obxectivo, nun prazo razonable de dous ou tres anos, é estar entre as mellores 500 universidades do mundo. Subir máis esixiría un esforzo orzamentario maior por parte das administracións. Eu estou esperanzado porque a LOSU (Lei Orgánica do Sistema Universitario) establece que a educación superior vai recibir un 1% do PIB. Agora mesmo estamos por baixo do 0,8 %. A Xunta xa anunciou que está disposta a traballar nesta liña, para que nun prazo razoable de tempo poidamos chegar a ese obxectivo. Este incremento permitiríanos afondar moito máis nestas políticas de retención e captación de talento e subir máis arriba nos rankings. n

Te puede interesar