Maricastaña repite actuación e pon fin á 26 edición da Miteu

O director do festival, Fernando Dacosta, pretende "recuperar as datas habituais de abril-maio" para o próximo ano

Hoxe, coa segunda actuación da compañía Maricastaña, da Aula de Teatro Universitario de Ourense Nivel 3, dáse por rematada a 26ª edición da Miteu, cuns resultados “altamente satisfactorios”, segundo expresa o director da mostra e da obra de hoxe, Fernando Dacosta.

Dacosta comenta que a dobre actuación de Maricastaña responde á antiga costume de entregar os premios o último día do festival, que este ano non se poderá realizar por mor da pandemia, ao igual que o ano pasado. Outro dos motivos para a supresión da gala de entrega de premios que expón Dacosta é a “caída dos orzamentos”. “Coa actuación de Maricastaña, garantizabas o cheo para o último día, e a actuación o día anterior era para darlle ao xurado un día de marxe para deliberar sobre as posicións”, argumenta o director da mostra.

Comenta que a organización deste festival nos últimos anos foi “estar no equilibrio constante entre unha boa afluencia de público e non organizar actos masivos”. Tamén fixo fincapé en que dende a organización buscarán recuperar “as datas habituais de abril-maio, xa que son as que mellor lle veñen ao teatro universitario, aínda que hai que ter en conta tamén ás compañías profesionais invitadas”.

Sobre a obra de Maricastaña, “Aínda que siga brillando a lúa”, estaba pensada para facerse por esceas independentes, “por se había algunha persoa que fallaba”, aínda que finalmente se puido realizar “unha composición coral”. “Os ensaios telemáticos complican moito esta tarefa”, conta Dacosta.

A peza podería resumirse en que non existe a felicidade individual plena se o contexto que nos rodea non é o adecuado. Así, reflexiona sobre temas sociais e “aprender a valorar o realmente importante”. A obra extrapola este contexto a que pasaría se chegásemos a Marte, incluíndo tamén os contextos de guerra e colonización que se producen cada vez que se descobre un novo territorio.

“Pero tamén está o punto positivo de que as cousas poden cambiar”, explica Dacosta. Así esta obra da fin á Miteu deste ano, que comeza co nivel 1 da Aula de Teatro Universitario de Ourense e remata co nivel 3, abrindo e pechando o círculo co teatro da cidade.

Te puede interesar