Diarios do pasado

Martirios en Roma

Fragmento do martirio de San Pedro, de Caravaggio.
photo_camera Fragmento do martirio de San Pedro, de Caravaggio.
Non en balde, o sacrificio relixioso nas súas múltiples facetas era esencial para o bo funcionamento da sociedade de Roma e do imperio.

As crenzas relixiosas impregnan a vida cotiá das sociedades, e non poucas veces vese concernida polas leis. Contáballes noutra ocasión que nos séculos anteriores ao IV d. C. no imperio romano, os cristiáns eran un grupo relixioso incómodo, cando non perigoso e subversivo para o estado romano, sobre todo dende o punto de vista institucional. Independentemente dos enganos que creaba a imaxinación popular sobre supostas prácticas aberrantes que atribuían aos seguidores de Cristo, as crenzas monoteístas dificultáballes, cando non lles impedía, integrarse plenamente na sociedade romana. Esta, aínda que era relixiosamente moi tolerante, non podemos considerala como crente do gran número de deuses que formaban o seu panteón, que se incrementa progresivamente con achegas foráneas. Sen embargo, si que era intensamente practicante, dado o carácter eminentemente ritual e de cohesión social que desempeñaba a relixión. 

Non en balde, o sacrificio relixioso nas súas múltiples facetas era esencial para o bo funcionamento da sociedade, de Roma e do imperio. Ritualizaba tanto as relacións sociais como as de dependencia, á vez que propiciaba o benestar do imperio. Quizais este era o punto forte de conflito entre os cristiáns e o resto dos romanos: a negativa para realizar tales prácticas pagás, que nos seus sistemas de crenzas implicaba practicamente a negación de Xesús. Iso, máis as referidas crenzas populares, ademais de ofensivas intelectuais -caso de Celso- propiciaron a onda de persecucións, con distinta virulencia, e que se sucederon entre Nerón e Diocleciano. A pesar dos escritos de Tertuliano clamando contra os procesos inxustos e especialmente crueis contra os cristiáns, estudos recentes enmárcanos dentro dunha legalidade bastante notoria. De feito, percíbese o interese das autoridades romanas en que reneguen das súas crenzas e cumpran cos costumes oficiais, e non na procura de execucións. Mesmo en determinados momentos proliferaron os “libelos” ou certificados de cumprimento dos rituais oficiais. Non poucas veces obtiñan o certificado despois dun pequeno xesto, mesmo con actitudes pasivas, deixándose levar polos oficiantes. Habitualmente non se buscaba a execución, independentemente do exceso de celo que algúns gobernantes puxeron en práctica para garantirse o favor do emperador de turno.  Durante todo o proceso que se daba entre a detención e a condena, practicamente non existían diferenzas entre cristiáns e pagáns. A discriminación estaba máis orientada cara a status social dos reos, clasificados en  “honestiores”, “humiliores” e escravos. 

Estudos exhaustivos, como o de María Amparo Mateo Donet sobre documentación histórica parecen bastante indicativos: dos procesos estudados, constátase a condena ao exilio nun caso; a decapitación, morte pouco cruenta en comparación con outras, foi a pena para trinta e seis cristiáns axustizados. Ambas se aplicaban a cidadáns libres de clase alta. Outras, excesivamente crueis, foron precipitación -catro casos- e, as máis terribles ou  “summa  suplicia”, como a cremación -con catorce casos-, botalos ás feras salvaxes en espectáculos  -un-, torturas -un- ou morte no cárcere por malos tratos -un-. Normalmente estas condenas eran para as clases máis desfavorecidas e para os servos. Independentemente da numerosa literatura cristiá que proliferou sobre este asunto, os datos que proporciona a investigación histórica son bastante indicativos do cumprimento de penas dentro dun marco legal, que se aplicou, por regra xeral, tanto aos cristiáns como a outros individuos que o estado romano considerou perigosos ou asociais, independentemente das crenzas de cada reo.

Te puede interesar