O Concello e Medio Ambiente asinaron onte o convenio que as permite

As melloras dos viais do polígono de San Cibrao terán un custe de 478.900 euros

Un dos viais internos do polígono industrial de San Cibrao.  (Foto: Miguel Ángel)
A alcaldesa de San Cibrao e o conselleiro de Medio Ambiente asinaron onte un convenio que permitirá levar a cabo obras de mellora nos viais internos do polígono industrial do municipio. A Xunta achegará o 64% do orzamento e farao en dúas anualidades, comezando nesta mesma. O custe total das melloras será de 478.903 euros.
A partida orzamentaria para realizar obras de mellora nos viais do polígono de San Cibrao quedou comprometida onte tras unha reunión entre a alcaldesa, Elisa Nogueira, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. As obras terán un custe de 478.903 euros, dos que a consellería, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), achegará 302.000. Farao entre 2009 e 2010. O Concello, que aportará o resto do inves timento, encargarase da contratación dos proxectos e das obras.

Nos últimos anos o polígono industrial acusa un significativo incremento da actividade industrial, o que trae engadido un incremento dos vehículos que circulan a diario polos seus viais. Entre un 15% e un 30% deste tráfico é de vehículos pesados, o que supón un deterioro considerable e paulatino, segundo a consellería, dos firmes e da rede de servizos, debido tamén a unha deficiente consistencia da composición do subsolo. Así, resulta necesario levar a cabo unha serie de reparacións, modificacións e limpeza nas vías de servizo, beirarrúas e rede de saneamento para mellorar o funcionamento do tráfico.

Os traballos, ao abeiro do convenio, consistirán en actuacións de movementos de terras, mellora e reposición de firmes, mellora de glorietas para evitar xiros bruscos dos transportes pesados, construción de beirarrúas, inspección e reparación da rede de colectores de augas pluviais e fecais, melloras nos pozos de rexistro de telefonía, saneamento e abstecemento de agua, telecomunicacións, electricidade e sinalización.

No polígono de San Cibrao o IGVS e Xestur Ourense teñen investido 10,5 millóns de euros.


Te puede interesar