Agustín Madarnás recibiu o nomeamento como docente exemplar

Os mestres evocan o seu papel como educadores

Foto de familia no Principal dos políticos e dos mestres premiados.
A Homenaxe ó Docente, a iniciativa que cada ano organiza o sindicato ANPE para fomentar a figura do profesor, deixou onte varias frases destacables por parte de cada unha das persoas que interviron no acto, que se desenvloveu no Teatro Principal.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, avanzou a creación dunha lei que mellore a convivencia nos centros, co fin de incentivar 'a participación, a corresponsabilidade e a implicación' da comunidade educativa. O do sindicato nacional, Nicolás Fernández Guisado, falou sobre o debate en canto á autoridade dos mestres, buscando 'recuperar os principios básicos da educación, como son a responsabilidade, o respeto, o esforzo e a esixencia'.

Tamén o presidente da Deputación, José Luis Baltar, na súa condición de mestre que foi, lembrou a súa infancia para evocar o rol como educadores da sociedade do futuro que posúen os docentes. 'Na escola é onde realmente comezamos a saber por onde camiñaremos o resto da vida', dicía Baltar. E continuou asegurando que a profesión de mestre 'é unha das que máis satisfaccións dá'. Sexa como fora, os verdadeiros protagonistas da xornada foron os docentes homenaxeados. O acto abriuse, precisamente, cun vídeo que recollía noticias relacionadas con agresións de alumnos cara ós seus educadores, para continuar recompilando a personaxes anónimos e non tan anónimos, que se declaraban 'Defensores do profesor', gracias a unha campaña de ANPE.

Foi despois cando o presidente da delegación ourensá do sindicato comezou a chamar un por un ós preto de 30 profesores que o pasado curso concluíron a súa vida laboral. Cada un deles recibiu unha peza escultórica asinada por Arturo Andrade. Foi ese o momento no que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, realizou a laudatio do mestre Agustín Madarnás, que nas súas aulas formou alumnos como o propio Baltar ou Carlos Casares. Vázquez afirmou que o finado autor limiao tiña dito nalgunha entrevista que 'se non fose por Agustín Madarnás eu non tería sido escritor'. Por méritos coma este, a delegación ourensá do sindicato decidiu nomealo como 'Docente Exemplar' do ano 2010.

O mestre de latín e relixión, nacido en Cartelle, realizou un emotivo discurso que el mesmo resumiu na palabra 'gracias'. 'Son os bos alumnos os que fan bo a un profesor', afirmou Madarnás, que concluíu definindo a súa como 'unha vida da escola e para a escola'. Unha vez rematado o nomeamento, o presidente de ANPE Ourense, José Manuel Fernández, reuniu a autoridades e homenaxeados para a tradicional 'foto de familia'. Falou despois Núñez Feijóo, que rememorou aquela lámina de Castelao na que o mestre lles daba ós nenos a derradeira lección, que chegaba coa súa morte, como símbolo de 'homenaxe ós homes e ás mulleres que adican a súa vida por enteiro ó sistema educativo'.

Te puede interesar