ENTREVISTA

"O meu bautismo de gaiteiro foi nas festas de A Mezquita: so sabía dúas cancións e toquei cinco horas"

photo_camera Carlos Núñez

Carlos Núñez actuará os días 27, 28 e 29 en Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa María de Oseira e Santa María de Montederramo

Nos vinte anos que leva como gaiteiro, Carlos Núñez gañouse o alcume de "novo rei dos celtas" ou  "Jimmy Hendrix da gaita". Agora, está a traballar nunha minixira de concertos "únicos" que dará este mes na provincia. Recoñece que para el vai ser como "tocar na casa", porque así se sente en Ourense, de onde procede a súa familia paterna. "Podemos dicir que vai a ser a premiere en moitas cousas que estamos preparando", explica sobre os concertos que ofrecerá os días 27, 28 e 29 nos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa María de Oseira e Santa María de Montederramo, respectivamente. Con Carlos Núñez falamos deste proxecto, da súa traxectoria e dos seus comezos na música. 

Como comeza a interesarse polo espectáculo medieval?
Foi un cúmulo de casualidades. Este ano pasado, en novembro, xuntámonos na Catedral de Santiago, por primeira vez, a orquesta do Pórtico da Gloria. A experiencia foi marabillosa. Empezamos a traballar máis neste ámbito medieval, ata que en marzo vin no periódico que varios daqueles artistas tocarían no Festival Pórtico do Paraíso en Ourense.

E aí xerminou a idea de facer unha minixira por Ourense? 
Sí, non dubidei en vir a ver este concerto, e encantoume. Aí, en San Pedro de Rocas, coñecín aos organizadores do festival e propúxenlles facer unha serie de concertos en algún destes lugares únicos que hai en Ourense.

Aceptaron sen dubidalo, entendo... 
Si xurdiu así. Non podiamos agardar a unha nova edición do seu festival, queriamos que fose no verán.

Que significa para vostede tocar nos mosterios da provincia?
É un luxo poder tocar en lugares con boa acústica, que din algo, que teñen personalidade. Nos habituamonos dende hai vinte anos a tocar en todo tipo de espazos, dende estadios de fútbol para 80.000 persoas ata teatros para 300. Pero tocar en lugares disfrutando o seu espazo acústico, é todo un luxo.

Fala de estadios de fútbol e de teatros, nos seus 20 anos de traxectoria, faltaballe tocar en enclaves coma os que da provincia? 
Hai países onde tes acceso a facer este tipo de concertos, o ano pasado tocamos no Musikverein (Viena), que ten unha das mellores acústica do mundo, ou tamén actuamos nalgunha catedral alemana. Neses momentos comezas a pensar 'e se fixésemos isto algún día na casa?' É certo que aquí é algo novidoso.

Vostede que deu a volta o mundo tocando a gaita, valora máis facer este tipo de concerto na súa terra?
Na miña terra e na miña casa, a miña familia paterna ven de Ourense. Este ano, en marzo, tocamos en Manhattan. Fixemos algunha cantiga de amigo e neses lugares tes que construirlles un imaxinario, en cambio, aquí as cousas síntense doutro xeito porque pertencen á nosa historia, ao noso sangue, está na nosa memoria. 
 
Que vai haber de novidoso no repertorio desta minixira por Ourense?
No concerto da Catedral de Santiago puxemos a funcionar os instrumentos do Pórtico da Gloria con repertorios medievais variados pero tamén fomos percorrendo mil anos de música: Idade Media, vilancicos barrocos galegos, composicións do século XIX, etc. Pero nestes concertos vou tentar que o repertorio sexa o máis medieval posible, no sentido de que para nós, que traballamos dende a música tradicional, consideramos que a Idade Media non desapareceu, pasaron aqueles séculos, pero esas músicas e tradicións continúan aí.

Por exemplo? 
Na Catedral de Santiago pódense ver, ao lado das guitarras medievais, as empanadas. Seguimos comendo empanada. Por tanto, a Idade Media é un paso máis nesa longa cadea que é a música celta. Así é como eu a entendo. Por iso imos tratar de tocar a maior parte do repertorio de música medieval. Tamén vai haber moitas cousas novas e moita experimentación.

Que acollida agarda por parte do público?
É algo que nos apetece tanto que cando os músicos vimos a pasalo ben, iso transmítese. É o lugar perfecto para tocar esa música, no momento perfecto, no que eu me sinto preparado para tocar ese estilo, porque ven despois din proceso de anos nos que eu me fun preparando para toda esta experiencia medieval.

Canto tempo leva traballando esta idea na súa cabeza? 
Levo dende pequeniño pensando en algo así. Lémbrome dalgunha actuación de cativo e pedir de tocar a gaita sen amplificación. Dáballe moitísimo valor a cuestión da acústica, que o son fose limpo, auténtico.

Sempre tivo claro que quería ser gaiteiro? 
Dende moi pequeniño, si. Eu comecei a tocar con oito anos.

Como lembra a súa primeira actuación? 
O meu bautismo de gaiteiro foi nas festas de A Mezquita, a terra do meu avó, con oito anos. So sabía duas cancións, unha muiñeira e unha alborada, pero pasei cinco horas tocando en bucle e a xente como tola dicíame "Carliños, non pares". 

Aquela foi a súa proba de fogo? 
Para mín aquelo foi unha experiencia moi potente. Aquel día comprendín que o meu coa gaita era máis ca música, descubrín a enerxía. Xa había show! (risas). 

Entón, que significa para vostede a gaita? 
Son moitas cousas. Por suposto, convertiuse nun símbolo que os galegos adoptamos como noso. 

Vendeu máis dun millón de disco e foi galardoado cun Premio Ondas, que lle queda por facer enriba dun escenario? 
Voltar a ese punto de inicio que é o Ourense profundo, con estes tres mosteiros, vai ser unha experiencia única. 

Te puede interesar