ENTREVISTA | VIDA

Millo, pura festa e enerxía positiva

20170303115934369_result
photo_camera Millo, unha formación ourensana

Se tendes ganas de pasar unha noite musical do máis animada e festeira, atentos ao nome de Millo. Unha formación que naceu no ano 2012 en Ourense con moitas ganas de transmitir as súas boas vibracións e enerxía con sons que se moven entre o ska, reggae, rock, punk... e incluso a gaita. Unha mistura que, ben fusionada, garantiza un gran concerto

Amigos tocando nas noites de jam sessions en diferentes locais. Ese foi o xerme de Millo, unha formación composta por David, Javi, Abraham, Eloi e Cristian que aportan as súas habilidades musicais e influencias para ofrecer ao público ritmos que se moven entre o punk, ska, reggae, rock e incluso se atreven co toque máis tradicional galego coa incorporación da gaita.

Como deu comezo a andadura de Millo?
Hai que remontarse a época de estudiantes, Javi e David comezaron a preparar un proxecto xuntos; sumouse Cristian, e logo Víctor Montenegro, o noso primeiro batería. Máis tarde Eloi o sustituiría e Abraham entraría como gaiteiro.

“Millo" é o nome do primeiro traballo, que nos atopamos nel? 
Pois moitas historias que lle poden pasar a calquera en calquera lugar, que narran vivencias de nós de rapaces, de agora, cos amigos, con rapazas; todo misturado con ska, punk e melodías e ritmos tradicionais.

Que din os ouvites del?
O disco está a ter moi boa acollida e boas críticas, o cal é un orgullo para nós. Que a xente lle guste o que facemos é a mellor das recompensas. 

O grupo ten un estilo moi festeiro, que reparte e contaxia boas vibracións, algún segredo? 
Supoño que o segredo está en facer o que nos gusta. Cando fas o que che gusta, o defendes con paixón, e nós somos os primeiros que queremos pásalo ben durante os concertos. 
Se me presento nun dos vosos concertos, que me vou atopar?
Moita festa (risas). Terás momentos con moita caña e diversión, pero tamén hai oco para a reflexión e... incluso foliada! Que nos encanta! E, por se che parece pouco, ademais, versionamos algún temas a nosa maneira, pero para saber cal terás que vir a un concerto,  non si?

Algunha influencia que os marcase? 
Cada un ten as súas: cantautores da terra, música tradicional celta, jazz, Los Suaves, punk cañero... facemos unha boa mistura! Nas composicións normalmente algún de nós ten algunha idea que lle ronda a cabeza, e, entre todos, cada un co seu estilo, a imos completando.

Dende Millo, buscan enviar algunha mensaxe ao público?
Poderíase decir que temos un dobre obxetivo. Por un lado facer que a xente pase un bo rato con nós, e por outra banda, facer reflexionar á xente sobre diferentes actitudes e situacións que se dan a cotío e que non teñen moito sentido se o pensas.

Con cinco anos de traxectoria, segue ese verme antes de cada actuación?
Dende logo! cada concerto e único e así debe ser vivido. Se se deixa de facer, pérdese o cerne.

Algún plan de futuro que se poida contar?
Estamos traballando nun novo disco para o verán. Temos moito material e con el estamos traballando, sen perder de vista a preparación de concertos que sempre dan vida. 

Te puede interesar