Mortos e meigas invaden Ourense

31.10.16.OURENSE.SAMAIN.OBRADOIROS DESFILE E D'J.
photo_camera Os rapaces baleiraron as cabazas e puxéronlle cara

A cidade engalanouse para retornar ao tempo dos celtas e dos castrexos e así festexar o Samaín

A cidade engalanouse para retornar ao tempo dos celtas e dos castrexos e así festexar o Samaín, unha celebración dos pobos que habitaban Galicia antes da conquista romana, e que consistía en disfrazarse de animais salvaxes para espantar aos malos espíritos que asexaban a colleita recollida e a corte e así dar a benvida ao ano novo. A casa do Concello lucía onte arañeiras, morcegos e caveiras e os negocios da cidade tamén se uniron á celebración da noite do medo.

Os actos polo Samaín sucedéronse en Ourense ao longo da tarde. A xornada comezou cun obradoiro de cabazas na praza de Saco e Arce. Os cativos, e non tan cativos, encheron a rúa da Liberdade cunha enorme ringleira para recoller a súa cabaza no local da Asociación de Veciños do Casco Vello. En total, distribuíronse 900 cabazas entre as meigas, zombis, pantasmas, caveiras e vampiros que onte percorrían a cidade.Alicia Álvarez, de catro anos, dixo que ela tiña pensada "unha cara moi fea" para que a súa cabaza dese medo. Por outro lado, Tiago, de cinco anos, asegurou que no interior da súa cabaza íalle pór unha candea "para que asuste moito".

Ao baleirado das cabazas sumábase un obradoiro de arxila e outro de elaboración de "saquiños máxicos", da man dunha verdadeira tribo castrexa. Nos sacos metían amuletos como pedras, cortiza de árbore, unha castaña e unha landra, todo para facer fuxir aos malos espíritos. Ao mesmo tempo, este grupo castrexo ofreceu tres pezas de microteatro onde explicaban a tradición do Samaín e as súas orixes. Ao rematar os obradoiros, á noitiña, os rapaces prenderon as candeas das súas cabazas e fixeron un desfile polo casco vello como se fosen a Santa Compaña. A única luz que había era a que alumeaban as candeas das súas cabazas con facianas terroríficas. A procesión rematou na Praza Maior, onde festexaron o Samaín coa animación de dous mortos viventes e música.

Te puede interesar