Ademais de cubrir o 90% das prazas, o certame aumentou o público respecto ó ano pasado

A Moti conclúe avalada por máis de 4.200 espectadores

O número de pompas de xabón foi un dos máis novidosos. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
A novena edición da Mostra de Teatro Infantil despediuse onte co respaldo de uns 4.200 espectadores que asistiron ás propostas escénicas representadas en espazos pechados. A este público asistente á quincena de obras teatrais programadas hai que engadirlle os que viron o desfile inaugural o día de Nadal ou participaron nas animacións de rúa; unha cifra 'difícil de cuantificar' segundo o director do certame, Fernando Dacosta.
Os datos resultaron plenamente satisfactorios para a organización porque, non só se cubriu 'o 90% das prazas ofertadas', senón que ademais isto significa un incremento con respecto ós espectadores da oitava edición. Deste xeito e 'aínda que a Moti sempre tivo boa resposta, este ano foi incluso mellor'. En calquera caso, 'o aforo completouse de todo en 11 das 17 funcións' (tres pezas teatrais contaron con dous pases cada unha).

Tal foi o éxito dalgunhas compañías que, por exemplo, para ver onte ós asturianos 'Teatro del Cuervo' creando unha historia a partir de pompas de xabón, as entradas estaban esgotadas o pasado venres.

Entre os pequenos espectadores hainos que repiten cada ano e fóronse facendo fieis á mostra. 'Dende o punto de vista da organización, as pilas recárganse ó ver a ilusión dos cativos', felicítase Dacosta. De feito, 'vimos que á saída comentaban as funcións cos seus pais porque se tratan valores moi interesantes nelas'. Ademais, as propostas deste ano foron moi variadas en canto a xéneros e, a nivel de asistencia, semella que os espectáculos circenses foron os que máis seduciron, un eido que presentaron as compañías Pista Catro e Circo Chosco. Isto sumado ó teatro para bebés, que cada ano recibe unha alta demanda. 'Dende logo estamos nun punto no que poderiamos programar máis representacións, pero ata aquí puidemos chegar'.

A novena edición da Moti partiu cunha reducción orzamentaria de case o 22%, de xeito que non chegou ós 50.000 euros, sen a aportación económica da Xunta pero si a colaboración coas funcións da Rede Galega de Teatros a través de Agadic. En calquera caso, esa rebaixa 'non se reflectiu, afortunadamente, no número de espectadores', en palabras de Fernando Dacosta. Onde si o notaron foi na impresión de programas -que 'xa se acabaron'- e octavillas. Pero, segundo explica o director da mostra, 'o bo de que as cousas se manteñan no tempo é que se van asentando e, a medida que pasan os anos, a xente xa as ten na cabeza e está pendente delas'.

Deste xeito, coa satisfacción do público, Dacosta mantén 'a esperanza de que o próximo ano poidamos seguir falando da Moti e haxa unha décima edición'.

Te puede interesar