As actividades do colectivo comezarán esta tarde cunha visita guiada polo casco antigo da cidade

Nace unha asociación para recuperar os nomes das rúas

Placa da rúa da Unión, que segundo o colectivo debía chamarse rúa da Praza. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
'Recuperar un feito da historia da cidade pouco difundido como foi o cambio de nome das rúas e por que se deu'. Este é un dos obxectivos de partida da iniciativa 'Recuperar os nomes', un colectivo que polo momento está formado por unha decena de persoas que pretenden recuperar a memoria da cidade a través do seu rueiro. A segunda misión principal da iniciativa é 'reflectivo colectivamente como os nomes de rúas e prazas son un elemento que explica cousas como quen exerce o poder en cada momento, quen habita na cidade e onde, que tipo de cidade se vai configurando...'.
Con estas palabras é como o explica Alonso Beltrán, un dos responsables do movemento, que hoxe iniciará a súa andaina constitutiva cun roteiro pola parte antiga da cidade partindo da 'Praza do Campo' ou, atendendo á modernidade, Praza Maior ás 20 horas.

As inquedanzas cidadás que lle deron orixe ó colectivo hai que situalas a comezos da década dos 2000, cando 'o Concello aprobou por unanimidade recuperar os antigos nomes das rúas'. Pero, daquela, a decisión tan só se materializou nos relativos á dictadura franquista. Foi coa prosta que o BNG levou ó pleno municipal hai uns meses cando 'un grupo de xente nos xuntamos e vimos se podiamos tentar recuperar este anaco de historia local e contribuír á súa difusión'. Segundo Alonso Beltrán, a importancia de que as rúas da cidade sexan referenciadas polos nomes máis antigos radica en coñecer 'o día a días das persoas que habitaron a cidade' porque son elas 'as que fixeron Ourense e nós temos a responsabilidade de preservar o seu legado'.

Entre as moitas vías que cruzan e compoñen o casco histórico ourensán, abundan os apelativos referidos a oficios, pero 'hai outros ben simpáticos', indica Beltrán, como é o caso de Quebracús -actual rúa da Estrela- ou Rapagatos -San Miguel-. Toda esa información estará editada nun plano baseado no libro de Anselmo López Carreira 'A cidade de Ourense no século XV'. A visita guiada de hoxe será a primeira actividade da asociación, que polo de agora está difundindo os seus obxectivos polas redes sociais. O roteiro repetirase o próximo luns e 'tamén temos previsto organizar charlas' para estudantes e nos diferentes barrios da cidade. Os interesados en participar desta iniciativa poden contactar con eles no correo '[email protected]'.

Te puede interesar