ELECCIONES 12-J

Noa Presas: "O electorado soubo ver que somos unha garantía de traballo"

A cabeza de lista por Ourense fixo balance dos resultados do BNG nas autonómicas do 12-X

O BNG colleu un novo impulso tralas autonómicas do 12-X. Na provincia incrementaron un 14% os seus apoios con respecto a 2016. Deste xeito acadaron tres deputados, os mesmos co PSOE, ao que deixan como terceira forza pola diferenza de votos, á espera do reconto exterior. A súa lider nesta campaña foi Noa Presas, que voltará a representar a Ourense no Parlamento, desta volta xunto a Iago Tabarés e María Albert.

Como valora os resultados?

O noso obxectivo prioritario era desaloxar a Núñez Feijóo da Xunta e iso non foi posible. Nese sentido son un pouco decepcionantes. Por outra banda, é certo que rompimos todas as enquisas e fixemos historia en termos globais e en Ourense. Imos facer un taballo moi bo con toda esta forza. 

Como le o futuro da provincia?

Hai un PP debilitado que vai a menos en Ourense. Está cada vez máis cerca ese fin do baltarismo que non tivo lugar nas municipais porque Democracia Ourensana traizoou aos seus votantes. Nós imos aproveitar esta tendencia.

Este é o rexurdimento do BNG? 

O electorado soubo ver no BNG, con todos os seus defectos e erros, que somos un proxecto sólido e unha garantía de traballo. Nesta última lexislatura, maila ser o grupo minoritario, somos a referencia da oposición que puxo sobre a mesa grandes agravios. A cidadanía puxo en nós a súa confianza como alternativa de goberno e, aínda que non teñamos a maioría, seremos o dique de contención ante calquera retroceso.

Todo isto logrouse nun clima electoral en medio dunha pandemia. 

Colectivamente superámonos a nós mesmos. A militancia fixo unha campaña de pé de rúa magnífica e soubemos adaptarnos aos novos tempos da pandemia. Estou moi satisfeita por haber chegado á cidadanía, porque todo o mundo recoñece que fixemos unha gran campaña. 

O apoio da xuventude, clave?

As enquisas indicaban que collíamos forza entre a mocidade e eu compártoo pola xente que se vai achegando ós nosos actos. Isto influiu positivamente na renovación que fixemos nos últimos anos desde a dirección do BNG. Somos un voz seria e traballadora, pero ao mesmo tempo rebelde e firme. 

Te puede interesar