Noa Presas sinala a NÓS como "a alternativa á vella política"

A cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega ao Congreso por Ourense destacou que decidiu dar "un paso adiante como muller e como feminista" e poñer a súa "cara" como cartel principal de NÓS 

A cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega ao Congreso por Ourense, Noa Presas, reivindica esta opción electoral, na que participa o BNG, como "a alternativa á vella política" e traballa para entrar na Cámara baixa, aínda que recoñece as características específicas dunha provincia marcada "polo clan mafioso da familia Baltar".

Presas destacou que decidiu dar "un paso adiante como muller e como feminista" e poñer a súa "cara" como cartel principal de NÓS en Ourense para o 20D. Tamén porque se sente "moi identificada" co proxecto de NÓS, ao entender que é "o que defende as mulleres e novos do país".

Para a candidata, nin NÓS nin tampouco o BNG son vella política. "Eu son parte do BNG e considero que somos a alternativa á vella política. Somos unha organización con moitos anos de existencia e a nosa acción política demostra que, alá onde estamos, contradicimos as políticas tradicionais de partidos como o PSOE e o PP", defendeu.

De feito, garantiu que, como fixeron no seu día os deputados do BNG, cando os representantes de NÓS estean no Congreso defenderán "políticas alternativas a favor das maiorías sociais e sempre con Galicia como centro de interese".

Co reto de romper co bipartidismo, rexeitou caer "na mensaxe derrotista que difunden PP e PSOE" en relación a que "isto é un xogo só" para eles". "Nós queremos entrar aí; traballamos para difundir a nosa mensaxe e sabemos que algún día seremos capaces de que Ourense estea alí para representarse a si mesmo", dixo.

"A nós non nos van enganar coa táctica de que o xogo está entre dous; temos voz propia e faremos o posible para estar", engadiu.

OS BALTAR, "UN CLAN MAFIOSO"

Ademais de pelexar por romper o bipartidismo na provincia, Presas "tamén traballan" para conseguir que ao actual presidente do PP de Ourense e titular da Deputación, José Manuel Baltar, lle pase factura nas urnas a denuncia dunha muller que lle acusa de ofrecer un traballo a cambio de sexo. A primeira denuncia foi arquivada pola Fiscalía, pero acudiu ao xulgado.

Ao respecto, acusou de "impresentable" tanto a "concepción" que o "clan mafioso da familia Baltar ten das institucións" como "a última cuestión referida ao abuso sexual". "Para nós é un delito e deberíase traducir na dimisión de Baltar; se el non dá o paso, o PP de Feijóo debería facelo dimitir ou o PP de Rajoy", afirmou.

PRIORIDADES

Se consegue representación o 20D, ten claro que "o primeiro" que fará é defender a derrogación "inmediata" da reforma laboral para "fomentar un marco galego propio cunhas condicións laborais dignas".

Tamén reivindica "un cambio de modelo de financiamento para que os galegos "xestionen os seus propios recursos" e poder facer fronte en "mellores condicións" ás súas necesidades, entre outras propostas "para que as maiorías sociais recuperen os seus dereitos".

"En BENEFICIO DA MAIORÍA SOCIAL"

Presas esgrimiu que NÓS pretende que Galicia "teña unha voz propia que non estea condicionada polo que ordenan outros partidos estatais" e se reafirmou en que resulta clave que os galegos se "obedezan" a si mesmos para ter "un peso político forte" se se abre o debate territorial no próximo mandato.

Ao tempo, rexeitou ver en negativo o feito de que finalmente non fraguase unha única candidatura galega de unidade e destaca o "positivo" de que tantas forzas "distintas" puidesen entaboar un diálogo.

Dito isto, subliñou que, "cando haxa coincidencia", NÓS "sempre apoiará aquelas propostas en beneficio das maiorías sociais e en contra da proposta do PP".

Te puede interesar