crónica

Unha noite, 28.000 quilos de lixo en Ourense

Una noche con los trabajadores del servicio de limpieza de Ourense (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Una noche con los trabajadores del servicio de limpieza de Ourense (MARTIÑO PINAL).
Francisco Javier Pérez e Diego Fernández traballan no servizo de limpeza do Concello de Ourense. O xoves pola noite mostraron un pouco do que se atopan a bordo do camión de recollida de lixo, en rutas con 160 contedores asignados. 

Na oscuridade da noite, os traballadores do servizo de limpeza do Concello de Ourense comezan as súas tarefas. Diego Álvarez e o seu capataz, Francisco Javier Pérez, acaban de saír á rúa e son as once. “Comezamos a ruta pola cidade a esta hora, e vimos rematando cerca das cinco da mañá”, comenta, de entrada, Diego dende o seu camión de recollida. Nesta quenda so traballan 25 persoas das case 200 que ten contratada a empresa concesionaria do servizo, Ecourense. 

Os empregados destinan a noite para a limpeza dos colectores orgánicos. Ao rematar, na planta do Cumial, baleiranos, límpanos e volven a traballar na quenda da mañá coa recollida do lixo selectivo -plástico, cartón e vidro- . “É a mellor forma de facelo porque se non farían falla o dobre de camións para deixar todos os colectores baleiros”, conta Pérez. Cada vehículo ten asignados máis de 160 cubos do lixo en toda a cidade. “O luns é o peor día, como os domingos non traballamos acumúlase moito, esta semana recollín nesa noite case 28.000 quilos de lixo, fixen dúas viaxes para descargar e un compañeiro tivo que rematar catro colectores por min”, sinala Diego dende o camión que conta con cámaras para controlar o que se verte dentro. “Necesitámolas porque antes vías o que había, incluso topei con xente durmindo dentro, agora sen estas cámaras un non sabería o que vai para o camión”, analiza Pérez.


Pouca colaboración


Co novo sistema so se necesita un chófer para cubrir a ruta. “Así, algún pensa que pasamos toda a noite sentados, cando ó mellor baixamos vinte veces para recoller cousas que deixan por fóra do colector”, afirma Fernández. O que máis se encontran son cartóns e bolsas do lixo na beirarrúa. “Nos colectores hai uns saíntes para que o camión cas pinzas os suxeite, pois a xente colga as súas bolsas ahí”, lamenta Pérez. Para evitar algunha recollida incorrecta, cada día un dos vehículos é sometido a unha inspección na que baleiran a carga para analizar que non haxa, no caso dun de cartón, plásticos. “O que non se pode é entrar nos colectores, porque a xente tira de todo e non lle importa onde, no do vidro, moitas veces vai outro tipo de lixo en vez do que lle corresponde”, relata Pérez, que engade: “Mentres non lle toque no peto, seguirán sen aprender”. Nun caso en concreto, o capataz pon Paz Nóvoa como exemplo: “Temos un horario de recollida ó día, pois imos ó mellor seis veces porque se enchen, hai moitas persoas para dous colectores e cada vez que saen da casa tiran o lixo”.

Os cheiros que xeran algúns colectores soen ser motivo de queixa por parte dos cidadáns. “Límpanse cada semana pero non podes evitar os malos cheiros se vén unha persoa e tira a bolsa mal pechada ou á granel, vertendo todos os líquidos polo colector”, sinala Francisco Pérez, ante unha situación que pouco poden facer. A pesar desto destaca que “os que hai onde o Mercadona son os máis limpos, ata parece que cheiran a colonia”.

Ao longo das rúas do centro da cidad  vaise confirmando o que comentan estes traballadores da limpeza. En Cardenal Quevedo paran a baleirar un colector e ao carón encóntranse tirados varios cartóns onda beirarrúa. “Esto non é nada, saímos cun un camión diante das recollidas para que vaia sacando o lixo de fóra”, conta Francisco. A raíz desta conversa, acadan o punto dos “trastos” que antes se recollían unha vez á semana e agora é todos os días. “As moblerías tiran de todo, ás veces topámonos con seis colchóns xuntos, que non veñen dunha vivenda”, afirma o capataz. Mentres avanza na ruta, vense os colectores dos edificios na beirarrúa ao igual cas tendas tiran os cartóns. "Por desgraza, esto todo que hai pola rúa na noite vai aos colectores do orgánico, cartón incluido", sinala Diego.

As veces, algún veciño é un verdadeiro obstáculo. "Teñen chamado para queixarse de que pasa o mesmo camión a recoller distintos colectores, cando en realidade son dous diferentes, só por decir que non reciclamos", conta Francisco. Achaca estes problemas a que a xente da por feito o que ve sen molestarse en saber a que está debido. Sobre esto, Pérez conta: "Unha vez sacaron unha foto de moitos coches da limpeza parados onda un bar e menos mal que puxeron a hora: era o noso descanso, se non xa decían que íamos de bares".


Garaxe no cumial, cunha flota de noventa vehículos


En O Cumial teñen o garaxe onde voltan todos os vehículos do servizo. Alí dispoñen dun depósito de 20.000 litros de carburante, que alimentan todos os camións e coches que usan. "Nunha noite podes consumir 80 litros", apunta Francisco J. Pérez. A flota que teñen dispoñible fórmana 90 vehículos, duns 10 anos de media de antigüidade. Alí tamén contan con hipoclorito co que limpan as termas todos os días. "De mañá están impolutas, porque nós imos a primeira hora, cando comezamos ás seis", explica o capataz. Na zona termal téñense encontrado de todo e Diego Fernández, con retranca, comenta: "Hasta uñas dos pés hai na auga, póñenas a abrandar e logo a cortalas e que queden alí".

Te puede interesar