PRIMARIAS PSOE

Villoslada: "Non son o da xestora, veño a abrir unha nova etapa"

<p></p>
photo_camera Villoslada, onte con militantes na sede socialistas de Ourense.

Viviu en Ourense ata os 18 anos, cando marchou a Santiago para estudar Dereito, pero confesa que non morreu a súa "afinidade pola provincia", na que aínda reside parte da familia.

Foi estudante dos Salesianos, onde destacou como xogador de baloncesto, como el mesmo recoñece. Autodefínese como o "candidato para a apertura dunha nova etapa" no PSdeG. 

Que aporta o seu proxecto? 

Nos encontros coas agrupacións intento facerlles ver a necesidade e oportunidade do partido para abrir unha nova etapa de máxima cohesión, para coller forza desde a máxima estabilidade e poder facerlle fronte ao PP desde o liderado do progresismo. Neste nova etapa de Pedro Sánchez hai que saber aproveitar o vento a favor que xa amosan as enquisas e volver ser primeira forza de esquerdas en Galicia. 

 E que propostas ten para esta cohesión? 

Os protagonistas deste proceso son os militantes, e quen acade a secretaría xeral ten que ser capaz de artellar unha Executiva coa máxima operatividade e con lealtade. Hai que revitalizar a voz das comarcas, e é fundamental asegurar de forma estatutaria a rendición de contas dos cargos. Pero o que máis me preocupa é a falta de conexión cos mozos.

Supoño que contempla unha política de pactos con outras forzas para facer fronte ao PP... 

Hai que ter en conta a cuestión dos pactos, non cabe dúbida. Pero  a nosa prioridade é conseguir ser a principal forza progresista. A partir dese momento, hai moitos puntos nos que evidentemente coincidiríamos tanto co BNG como con En Marea, como xa temos feito en ámbitos locais. 

É consciente da división que hai en Ourense? 

Ourense pode ter esa casuística, pero tamén outras partes do territorio teñen as súas familias. Non é consustancial a esta provincia, senón ao conxunto do partido, que ao levar certo tempo de movementos internos e transitoriedade tende a iso. A clave é saír das votacións coa máxima cohesión. Deixar todas as sensibilidades de cada lugar, e traballar coa única sensibilidade do PSdeG. A maioría dos militantes está canso desas loitas internas.

E os apoios ourensáns? 

A medida que vou falando con militantes ourensáns vexo que podo ter un apoio importante. Hai moita xente que non me coñece, pero hai outra que si. En Ourense cidade pode resultar algo máis doado, porque son de aquí. Son prudente pero optimista tanto nos resultados da capital como os da provincia. 

Sabe que hai críticos coa súa candidatura pola súa falta de bagaxe política... 

Pero iso pode ser unha oportunidade! Se queremos abrir unha nova etapa, deixando atrás loitas internas, cómpre non ter estado metido nesas batallas previas. Iso darame tranquilidade para tomar decisións que non estean condicionadas. Teño que facer un esforzo por aumentar o grao de coñecemento, certo, pero a miña candidatura é unha renovación para o partido, é a razón fundamental pola cal me presento.

É o candidato da xestora? 

 Evidentemente, non, porque a xestora non pode ter candidatos. Esta mesma xestora creo que actuou con neutralidade cando houbo primarias para a Xunta, e tanto Caballero como Leiceaga viviron este proceso. Non se pode falar de que a xestora ten un candidato ou outro. Son cortinas de fume para que os militantes olviden do importante. 

Tanto Caballero como Leiceaga lanzaron algunha crítica ao inicio da campaña. Que opina dos seus rivais? 

Eles teñen un hándicap, xa que veñen de moitos procesos anteriores, de alianzas e iso pode lastrar a necesidade de abrir novas etapas. Non teño nada negativo que dicir deles, só lles pido xogo limpo. Leiceaga viviu moitas etapas políticas e Gonzalo Caballero tamén, aínda que máis circunscrito a Vigo. Teñen unhas perspectivas  que poden sesgar ou condicionar demasiado  a capacidade de ter unha visión de futuro positiva e sen servidumes. 

Marchará Leiceaga da portavocía se gaña vostede?

Teríamos que analizalo. Todos os que estamos somos necesarios, pero ningún é imprescindible. Cada un ten que saber estruturar as responsabilidades en función do resultado. Se gaña a miña candidatura, non haberá saídas automáticas

Que farán os de Susana Díaz?

Non se pode extrapolar o proceso das primarias federais ao de Galicia. É certo que a polarización levantou feridas, algunhas curadas e outras non, pero hai que superalo, e non falar de sanchistas e susanistas. 

Te puede interesar