Cultura

Nós medra con pezas inéditas dunha "identidade diferencial"

A exposición estará aberta ata o 18 de abril no Marcos Valcárcel e na sala cultural Afundación

A exposición "Galicia, de Nós a nós" xa se exhibe en Ourense tralas máis de 15.000 visitas que recibiu en Santiago de Compostela. Os discursos críticos con políticas de "personalismos" na Atenas de Galicia que bebe do legado dunha xeración de irrepetibles protagonizaron a inauguración. Son 300 pezas, a colección máis completa sobre o movemento cultural e a creación da centenaria revista, cuxos primeiros números se imprimiron no obradoiro de La Región. A maioría dos fondos–con novidades nunca expostas–están no centro cultural Marcos Valcárcel. A sala de exposicións de Afundación, na Praza Maior, acolle parte das pezas. Un cartel de Cándido Fernández Mazas que non chegou a publicarse é unha das pezas que non se exhibira antes. Xunta de Galicia e Deputación de Ourense organizan "Galicia, de Nós a nós".

Invitación a visitas demoradas

O historiador e colaborador de La Región Afonso Vázquez-Monxardín é comisario da exposición xunta a Ana Acuña. Na súa intervención quixo lembrar o seu amigo Marcos Valcárcel, que dá nome ao centro cultural da Deputación. Monxardín explicou que a mostra inclúe na súa chegada a Ourense seis elementos novos. "Falan da especial relación de Nós con Ourense: colaboradores, pegadas, temas...". O comisario invita aos ourensáns a facer "visitas máis demoradas", paseniño entre o Marcos Valcárcel e Afundación e incluso en diferentes días, para admirar as 300 pezas de Nós. 

Herdeiros de Nós

"En Ourense, os homes de Nós foron xente estimada e querida, cunha grande proxección pública a través das súas charlas e de La Región, que foi casa permanente destes intelectuais", engadiu o historiador ourensán. "Os herdeiros de Nós somos, simplemente, nós. Os galegos e galegas de hoxe, polo que supón un orgullo e unha grande responsabilidade", dixo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, definiu Galicia como "Nación Cultural" e subliñou o obxectivo da exposición de poñer en valor "o gran legado de Nós", que definiu como "a marca da nosa personalidade diferencial". Baltar acordouse de Antón Losada Diéguez, a quen definiu como "o promotor da revista na sombra, o esquecido mentor da xeración Nós que definiu Justo Beramendi". 

Desmemoria

O presidente provincial citou "froitos" da semente de Losada Diéguez, como o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista. Sobre este último, louvou o "traballo polo Estatuto de Autonomía de Galicia que, o 18 de xullo, co golpe de Estado, parouse. Pero un estatuto que temos hoxe e somos herdeiros de Nós". Baltar foi crítico tras lembrar este legado: "Non podemos permitir a desmemoria, non entendo como algúns propiciaron o desleixo e non celebraron o centenario da xeración Nós. Non valen as escusas, porque non as hai". Por último, falou da "responsabilidade" á que "conduce esta exposición, que nos vale de exemplo desa responsabilidade". 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, definiu a Galicia como "célula de universalidade" e a Nós como "unha das xeracións máis transcendentais da nosa cultura". Louvou o "activismo intelectual" daqueles escritores de vangarda e subliñou que Ourense foi vangarda e nunca debería deixar de selo cen anos despois". 

“Abandonar o personalismo"

Núñez Feijóo incidiu en que "apreciar Ourense é actuar por e para el, significa abandonar o personalismo e a política mal entendida para outorgarlle o peso que merece, o de gran cidade de Galicia. Aquí prendeu raíces un galeguismo que se expande, partindo de Galicia como centro". 

Xosé Carlos Caneiro, vicepresidente do Padroado de Afundación, falou do "orgullo" que supón participar na exposición e lembrou a "idade de ouro das letras e a enorme valía" da xeración Nós. "As grandes capitais deberían mirarse e admirar o espello de Nós".

A mostra "Galicia, de Nós a nós" estará no centro cultural Marcos Valcárcel e na sala cultural de Afundación ata o 18 de abril. 

Acto de inauguración da mostra: 

Te puede interesar