Novo paso adiante para a ampliación do Polígono de San Cibrao

O Goberno gaego tamén aprobou a tramitación ambiental para ampliar a depuradora, demanda histórica do concello

O consello de administración de Xestur adxudicou onte o contrato para a redacción do plan de ampliación do Polígono de San Cibrao das Viñas. A superficie que se vai urbanizar supera  os 340.000 metros cadrados e o importe da adxudicación ascende a 115.250 euros. Este é outro paso máis de cara á futura ampliación deste parque empresarial, que será difícil que se materialice antes do ano 2024. A empresa adxudicataria foi Iceacsa Consultores.

A Xunta tamén puxo fin onte á tramitación ambiental da modificación do Plan Xeral de Ordenación Municpal de San Cibrao para a “reorganización dos sistemas xerais”. O obxecto desta modificación é a ampliación da depuradora existente e evitar os constantes verquidos ao río Barbaña, a principal reivindicación do Concello dende hai anos. Ademais, esta modificación tamén permitirá a creación de novas zonas verdes e ámbitos de uso público, como paseos fluviais ou equipamentos deportivos ao aire libre.

Paralelamente, a Xunta rematou a tramitación ambiental doutra modificación relativa á Central de Transportes de San Cibrao. Esta ten por obxectivo “regularizar unha serie de actuacións executadas nas fases previas 1 e 2, flexibilizar as ordenanzas para acomodalas ás necesidades da demanda empresarial que hai na actualidade e corrixir erros dos documentos aprobados anteriormente que dificultan a xestión e comercialización das parcelas”.

No informe do proxecto -elaborado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático- indícase que “non se esperan efectos ambientais significativos, polo que se descarta sometelo posteriormente a avaliación ambiental estratéxica ordinaria”.

Te puede interesar