Nóvoa: poesía e obradoiro ourensano

A artista multidisciplinar Rochi Nóvoa.
photo_camera A artista multidisciplinar Rochi Nóvoa.

A poeta Rochi Nóvoa publica “Diagnóstico Poético - Os versos que levas dentro”, un libro que conta coa particularidade de ofrecer poesía pero tamén unha invitación para escribir xusto poesía e exercitarse tanto en solitario como en familia.

A novidade chega despois de “Punk-dereta”, poemario de 2021, máis senllas colaboracións que a mestra, escritora e música ourensá leva feitas co músico tamén ourensán Daniel Soldevilla.

“’Diagnóstico Poético - Os versos que levas dentro’ pretende ser un libro de poesía sincera e catártica, pero non só iso, senón tamén unha guía ou unha invitación para escribir poesía tanto a nivel de iniciación como avanzado, xa que é moi didáctico e ilustrativo con exercicios prácticos e divertidos para tódalas ideades: familias, centros educativos…”, definiu a artista.

O exemplar está moi coidado non só a nivel de contido poético senón tamén a nivel estético. “Está ilustrado por min e pola miña sobriña Paula Gonzalez Nóvoa, polo que digamos que o libro ten alomenos dous tipos de lectura, unha por placer á poesía, outra para escomenzar o obradoiro da escrita, e outro como un libro de ler aos anacos onde se pode seguir as indicacións dadas”, apunta a mesma Rochi.

“É un libro de varias funcións, polo tanto onde o xogo está presente é onde é preciso arrincar alguna páxina para crear o material de xogo e escrita. Case 200 páxinas a toda cor nun libro dividido en 5 apartados básicos, os paxaros, os corazóns dos paxaros, as casas destes, o lugar onde nunca aniñarían e os exercicios”, explica, sobre unha proposta moi didáctica. “É moi simbólico e todo comeza coa eclosión do ovo, que é a idea do poema, a partir de aí, poderemos coñecer incluso información das aves galegas, pequenas anécdotas que me chamaron a atención e a comparativa coas nosas vidas”, conclúe.

Te puede interesar