“O porco de pé”

O Porco de Pé, levado a escena no Teatro Principal.
photo_camera O Porco de Pé, levado a escena no Teatro Principal.

É a primeira vez que escribo antes de presenciar un acontecemento. O xoves, 31 de marzo, estréase no Teatro Principal “O porco de pé”. E é todo un acontecemento porque Quico Cadaval adapta ao teatro esta magnífica novela de Vicente Risco. Así a considero, non porque eu teña formación literaria, que non é o caso, se non polo que creo que representa para Ourense. O relato ten como escenario os cambios sociais que se produciron nunha cidade que daquela ten practicamente a extensión do actual núcleo histórico. No século XIX aconteceron feitos cunha gran transcendencia. Un deles foi a nova división provincial de 1833, pola que Ourense pasou a ser a capital dunha das corenta e nove provincias. Outro, o desenvolvemento que se deu na etapa da Restauración (1874-1933), cun grande auxe urbanístico, tanto polo florecemento de edificios sinalados, como pola creación de espazos públicos e locais de diversión para o ocio dunha emerxente clase social: a burguesía. A nova situación vaise retroalimentando e Ourense florece como foco de atracción de industriais e, principalmente comerciantes, chegados doutras partes de Galicia, de España e, incluso, de Europa. Eses mesmos que se integraron ata enriquecer cos seus apelidos as xenealoxías ourensáns. Os dous personaxes protagonistas da novela son don Celidonio e o doutor Alveiros. O primeiro é un maragato que comezou de mancebo nunha tenda, e ascendeu meteoricamente; o segundo, de pasado fidalgo, representa a figura do intelectual con escasos recursos. A trama, na que non imos entrar, reflicte os cambios económicos e sociais de Ourense despois da Gran Guerra de 1914-1918; apréciase a substitución das clases dominantes, a fidalguía pola burguesía comercial, ata o ascenso desta última, representado pola alcaldía á que accede don Celidonio. O relato remata co incendio da biblioteca do Instituto, o actual Otero Pedrayo. 

Novelando a sociedade na cidade de “Oria” -nome que Risco da a Ourense- nárrase unha serie de acontecementos e, sobre todo un escenario urbán non exento de costumismo social, que denota o ácido humor con que o autor interpreta aquel Ourense. Unha capital de provincias que remataba a década de 1920 con 14.000 habitantes, fronte aos case 22.000 do municipio, o que evidencia o gran peso dun sector primario que contrasta coa vinda dos comerciantes foráneos e os seus modos de vida. Os recén chegados, esenciais na economía da cidade, trátaos Vicente Risco humoristicamente en “O porco de pé”, nun escenario cargado de faladoiros nos cafés, con novos e exóticos costumes socias. Mesmo deportes como o “tennis”, practicado polas elites emerxentes e os seus herdeiros. Un Ourense que ía deixando atrás a economía e os modos de vida agrícolas en favor dos industriais, almacenistas, contratistas ou profesionais de diverso tipo. Ábrense hoteis en varias rúas, así como cines, teatros e outros centros de ocio urbano.  

Aí está ambientado “O porco de pé”, baixo a óptica literaria dun Risco que a retrata de forma crítica, case carnavalesca daquel Ourense. Precisamente o coñecemento que Risco ten del, converte a narración na novela por excelencia do Ourense das primeiras décadas do século XX. O relato non puido ter acontecido noutro lugar, nin con outros protagonistas que non sexan estes risquiáns arquetipos ourensáns da década de 1920. Non faltarei á agardada estrea.

Te puede interesar